Saúde mental e discapacidade intelectual: un diálogo necesario no 18º Seminario organizado por FADEMGA
FADEMGA Plena inclusión Galicia
22-11-2024Este venres a Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela
acolleu o 18º Seminario sobre Discapacidade Intelectual e Saúde Mental,
organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia.
A xornada reuniu a 135 asistentes,
entre os que se atopaban estudantes, profesionais,
persoas voluntarias e familias,
demostrando o interese e compromiso de diferentes sectores
por abordar os desafíos e as solucións no ámbito da saúde mental
e da discapacidade intelectual.
O acto contou coa presenza de
Begoña Abeijón, directora xeral de Discapacidade da Xunta de Galicia,
Almudena Díaz, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental,
e Silvia Longueira, deputada do PSdeG-PSOE.
Todas elas estiveron acompañadas pola vicepresidenta da Federación, Carmen Taboada.
Durante a súa intervención,
a directora xeral de Discapacidade da Xunta, Begoña Abeijón,
destacou a representación no seminario
tanto da Consellería de Sanidade como da Consellería de Política Social,
xa que a saúde mental require dunha atención integral.
Sanidade e servizos sociais deben camiñar da man
para garantir o benestar e contar cos recursos necesarios
para que cada persoa poida saír adiante.
Un esforzo que debe ser maior cando falamos dunha discapacidade intelectual.
Pola súa banda, a vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión, Carmen Taboada,
destacou o feito de que as persoas con discapacidade intelectual
poden experimentar alteracións de saúde mental de maneira distinta
á poboación xeral.
Durante a xornada tratáronse temas clave
como o acompañamento a persoas con alteracións sensoriais e de conduta,
estratexias de comunicación positiva para o benestar familiar
e os cambios lexislativos que impactan na atención
e nos dereitos das persoas con discapacidade intelectual
e problemas de saúde mental.
Agradecementos e compromiso renovado
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia agradecemos a implicación das persoas asistentes,
dos relatores e relatoras e das autoridades presentes,
así como o apoio da Facultade de Psicoloxía por acoller este evento.
Este seminario reafirma o noso compromiso coa sensibilización,
a formación e o impulso de políticas e prácticas que promovan o benestar e a inclusión,
e o seu éxito anímanos a seguir traballando para dar resposta ás necesidades
das persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental.
Descarga aquí as presentacións do Seminario
- Día a día na prestación de apoios 1
- Día a día na prestación de apoios 2
- Novo baremo de recoñecemento do grao de discapacidade
- Novo modelo social de dereitos
- Territorios ocultos. A saúde mental familiar

