FADEMGA Plena inclusión Galicia e as súas entidades beneficiáronse nos últimos anos de máis de 1.800 contratos Coopera da Xunta
O Secretario Xeral de Emprego, Pablo Fernández, visitou a sede da Federación como unha das beneficiarias destas subvencións
FADEMGA Plena inclusión Galicia
13-08-2024Santiago de Compostela, 13 de agosto de 2024. Fademga Plena inclusión Galicia recibiu hoxe, na súa sede no Polígono do Tambre de Santiago de Compostela, a visita do Secretario Xeral de Emprego e Relacións Laborais, Pablo Fernández López, con motivo dunha nova convocatoria dos Programas de Cooperación ofrecidos pola Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia para este 2024, cuxas bases foron publicadas no día de onte no Diario Oficial de Galicia.
FADEMGA Plena inclusión Galicia é dende hai anos unha das entidades beneficiarias dos Programas de Cooperación da Xunta a través dos cales se lles ofrece ás persoas demandantes de emprego unha oportunidade para adquirir a experiencia laboral que lles poida facilitar a súa futura inserción no mercado de traballo. Para elo, Emprego Galicia convoca cada ano subvencións destinadas a financiar a contratación de persoas desempregadas para a realización de servizos de interés xeral e social en colaboración con entidades sen ánimo de lucro con centros de traballo na nosa comunidade.
Como Federación Galega de Asociacións en Favor das Persoas con Discapacidade Intelectual ou do Desenvolvemento, FADEMGA Plena inclusión Galicia leva solicitando estas axudas dende o ano 2007, e nestes 17 anos recibiu xa un total de 154 contratos subvencionados co dobre obxectivo de mellorar a empregabilidade das persoas contratadas a través da adquisición de experiencia na súa categoría profesional e, por outro lado, realizar tarefas e servizos de utilidade social e de interés para a comunidade.
Unha vintena de traballadores con discapacidade intelectual
Destes 154 contratos, 18 foron de persoas con discapacidade intelectual, colectivo que a través de Fademga Plena Inclusión Galicia comezou a ser beneficiaria deste programa dende o ano 2013. Nesta última convocatoria de 2023 foron 9 o total de contratos suscritos coa entidade, dos cales 3 tiveron como beneficiarias a persoas con discapacidade intelectual, repartidas entre a súa sede e as delegacións.
Con algunha destas persoas contratadas a través do Programa de Cooperación da Xunta puido conversar hoxe nos seus postos de traballo o Secretario Xeral de Emprego, quen realizou un percorrido polas instalacións de FADEMGA visitando tamén ao resto de traballadores nas súas respectivas áreas acompañado polo súa vicepresidenta, Carmen Taboada; a vogal da xunta directiva, Carmela González, e o xerente, Manel Fernández, así como o coordinador da Área de Emprego da entidade, Manuel Carrillo, e o representante da patroal AEDIGAL, Javier García.
Máis de 1.800 contratos coas entidades federadas
Como Federación que agrupa a 41 asociacións de toda Galicia que traballan pola inclusión das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, unha trintena das súas entidades federadas tamén recibiron estas axudas cun total de 1.655 contratos contabilizados ao longo destes últimos 17 anos de convocatorias (81 neste 2023), sumando así cos 154 da propia Federación un total de 1.809 traballadores contratados ata o día de hoxe ao abeiro dos Programas de Cooperación.
Enlace á nova da convocatoria no portal da Xunta de Galicia
FADEMGA Plena inclusión Galicia, é a Federación de asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual, que conta na actualidade con 41 entidades galegas federadas.
A misión do Movemento Asociativo é contribuír, dende o compromiso ético, a que cada persoa con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e a súa familia poidan realizar o seu proxecto de calidade de vida, así como promover a súa inclusión como cidadáns de pleno dereito nunha sociedade xusta e solidaria

