Saúde mental e discapacidade intelectual: un diálogo necesario no 18º Seminario organizado por FADEMGA
FADEMGA Plena inclusión Galicia
22-11-2024Este venres a Facultade de Psicoloxía de Santiago de Compostela acolleu o 18º Seminario sobre Discapacidade Intelectual e Saúde Mental, organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia.
A xornada reuniu a 135 asistentes, entre os que se atopaban estudantes, profesionais, persoas voluntarias e familias, demostrando o interese e compromiso de diferentes sectores por abordar os desafíos e as solucións no ámbito da saúde mental e a discapacidade intelectual.
O acto contou coa presenza de Begoña Abeijón, directora xeral de Discapacidade da Xunta de Galicia, Almudena Díaz, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, e Silvia Longueira, deputada do PSdeG-PSOE. Todas elas estiveron acompañadas pola vicepresidenta da Federación, Carmen Taboada.
Durante a súa intervención, a directora xeral de Discapacidade da Xunta, Begoña Abeijón, destacou a representación no seminario tanto da Consellería de Sanidade como da Consellería de Política Social, “xa que a saúde mental require dunha atención integral. Sanidade e servizos sociais deben camiñar da man para garantir o benestar e contar cos recursos necesarios para que cada persoa poida saír adiante. Un esforzo que debe ser maior cando falamos dunha discapacidade intelectual”.
Igualmente, a directora xeral destacou a colaboración da Xunta de Galicia coas entidades sociais, “que son as nosas grandes aliadas. Grazas á nosa colaboración podemos impulsar todo tipo de recursos para garantir o benestar das persoas con discapacidade, como crear cada vez máis prazas, servizos, programas e centros como o que estamos a construír nas Pontes, destinado a persoas con algún problema de saúde mental”.
Pola súa banda, a vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión, Carmen Taboada, destacou o feito de que “as persoas con discapacidade intelectual poden experimentar alteracións de saúde mental de maneira distinta á poboación xeral. E os desafíos específicos requiren sempre de enfoques específicos, de recursos especializados e, sobre todo, dunha perspectiva de comprensión, respecto e empatía”.
Durante a xornada tratáronse temas clave como o acompañamento a persoas con alteracións sensoriais e de conduta, estratexias de comunicación positiva para o benestar familiar e os cambios lexislativos que impactan na atención e os dereitos das persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental.
Agradecementos e compromiso renovado
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia agradecemos a implicación das persoas asistentes, dos relatores e relatoras e das autoridades presentes, así como o apoio da Facultade de Psicoloxía por acoller este evento.
Este seminario reafirma o noso compromiso coa sensibilización, a formación e o impulso de políticas e prácticas que promovan o benestar e a inclusión, e o seu éxito anímanos a seguir traballando para dar resposta ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental.
Descarga aquí as presentacións do Seminario
- Día a día na prestación de apoios 1
- Día a día na prestación de apoios 2
- Novo baremo de recoñecemento do grao de discapacidade
- Novo modelo social de dereitos
- Territorios ocultos. A saúde mental familiar

