Historia

FADEMGA Plena inclusión Galicia naceu en 1979, como resultado da unión de 5 asociacións de nais e pais que prestaban servizos a persoas con discapacidade intelectual en Galicia.

Aspas, Aspanas, Aspronaga, Apetesfra (hoxe coñecida como San Francisco) e Chamorro, foron as 5 entidades fundacionais de FADEMGA Plena inclusión Galicia. 

As familias destas asociacións foron quen de comprender que a unión facía a forza: lograr un cambio efectivo na sociedade e un maior peso nas administracións, pasaba pola alianza de todo o colectivo. 

Pouco despois do seu nacemento, en 1981, FADEMGA adheríase á Confederación estatal FEAPS, pasando a denominarse dende aquel momento FADEMGA FEAPS GALICIA. En apenas 9 anos de vida, a Federación pasou de 5 a 13 entidades membro, actuando xa como principal interlocutora dos intereses das asociacións galegas ante a Administracións. 

 

CHEGA A PLENA INCLUSIÓN


No ano 2015, o movemento asociativo afrontou un dos seus cambios máis profundos dende o seu nacemento. FEAPS deixaba atrás nome e marca, para abrazar a súa nova denominación, e dar resposta a unha das principais reivindicacións das persoas con discapacidade intelectual e das familias: contar cunha imaxe unificada que representase a loita do movemento por unha cidadanía completa e efectiva.

FEAPS cambiaba o seu nome polo de “Plena inclusión” e a súa imaxe (ata ese momento representada pola espiral de Fibonacci) pasaba a ser un trevo de catro follas en diferentes tons de verde. Este trevo nacía para simbolizar o modelo de sociedade inclusiva polo que traballa o movemento. Unha sociedade na que todos sexamos considerados iguais pero na que tamén se le otorgue valor á diferenza. A folla máis grande simboliza á persoa con discapacidade intelectual, que busca estar incluída en igualdade de condicións ao resto de persoas, nunha sociedade inclusiva, aberta, positiva e equitativa.

 

O TRABALLO EN EQUIPO: A NOSA MAIOR FORTALEZA


Na última década, o traballo en rede entre FADEMGA e a Confederación Plena inclusión foi afianzándose cada vez máis. O apoio, a coordinación, a dinamización asociativa, a transformación dos apoios e servizos, a xeración de modelos e espazos compartidos de participación ou a colaboración entre as nosas entidades, son actuacións fundamentais que nos serven para avanzar xuntos cara á nosa Misión.