Lecer

Apoiamos e impulsamos o lecer inclusivo e accesible

A nosa sociedade cambiou moito nas últimas décadas e tamén as prácticas e a consideración do lecer, que adquiriu gran importancia. Temos máis tempo libre, vivímolo, gozámolo de forma distinta, temos máis variedade e máis posibilidades de realizar actividades...
A día de hoxe, non podemos entender a vida sen o lecer, porque: 

  • É unha experiencia humana integral; o que se vive a través do lecer inflúe en todas as facetas da vida da persoa (relacións persoais, traballo…) ao conectar con cuestións tan privada como os intereses, as necesidades, os desexos, os gustos ou as afeccións. 
  • Contribúe á calidade de vida de todas as persoas, pois produce benestar físico e emocional.
  • É un dereito, como a educación, o traballo ou a saúde. 


A IMPORTANCIA DO LECER PARA AS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL


O tempo de lecer das persoas con discapacidade intelectual vén determinado polos mesmos parámetros que para o resto da poboación: idade, recursos económicos, necesidades e motivacións, o lugar no que viven… Pero aínda que o seu tempo de lecer debería ter as mesmas características que para o resto da cidadanía, a realidade indícanos que isto non é así, e sofren diferenzas significativas como colectivo. 

Se revisamos como foi e como é o lecer de moitas persoas con discapacidade intelectual podemos dicir que teñen moitas dificultades para participar no lecer comunitario nas mesmas condicións que as demais persoas, porque na maioría de ocasións: 

  • Non se lles ve como clientes con dereito e capacidade para opinar e reclamar, senón como persoas usuarias que utilizan os programas e actividades que se lles propoñen. 
  • Ofréceselles un “lecer colectivo” con moi poucas opcións reais de elección ou decisión.
  • As actividades que se lles ofrecen non cumpren cos requisitos básicos do lecer (moitas veces considéranse como lecer actividades realizadas en horario laboral ou escolar).
  • En moitas ocasións, desenvólvese en contornas específicas aos que unicamente acceden as persoas con discapacidade intelectual (centros ocupacionais, centros de día, entidades…)
  • Existen moitas barreiras na propia contorna, como os estereotipos e as actitudes negativas cara ás persoas con discapacidade, a pouca accesibilidade tanto a nivel físico como cognitivo, a sobreprotección da familia ou o descoñecemento social cara a este tipo de discapacidade. 


Por todo iso, se queremos garantir o acceso de todas as persoas a oportunidades de lecer en comunidade, é necesario identificar as principais barreiras que existen. 


O PROGRAMA DE LECER DE FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA


Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia promovemos un lecer inclusivo e fomentamos servizos e apoios para o lecer en comunidade. Ademais, apostamos por actividades de lecer saudable, promovendo a actividade física a través de entidades como Special Olympics Galicia e pola incorporación das persoas con discapacidade intelectual ao mundo da cultura como espectadores e creadores


Outra rama importante do ámbito do lecer son as quendas de vacacións que organizamos co financiamento do IMSERSO e da Fundación ONCE. Tanto os destinos como as actividades que se realizan nestas escapadas vacacionais son elixidas polas propias persoas con discapacidade intelectual, respectando a súa vontade e preferencias. 
Nesta ligazón podes consultar a convocatoria de vacacións IMSERSO de 2024. 

 

PUBLICACIÓNS RELACIONADAS


Nesta ligazón podes consultar todas as publicacións do movemento asociativo relacionadas co ámbito do lecer.