Saúde mental

Promovemos iniciativas que posibiliten unha atención integral e de calidade para todas as persoas con discapacidade intelectual e problemas de saúde mental asociados

                                       

Explicar o significado de saúde mental é unha tarefa complicada. Poderíamos definila como:

"o equilibrio físico, mental, emocional e espiritual en todos os aspectos da vida"; como "a habilidade de poder gozar a vida e afrontar os desafíos diarios - xa sexa tomando decisións, adaptándose a situacións difíciles ou dialogando sobre as nosas necesidades e desexos"; ou incluso como "a sensación de benestar e a crenza subxacente da dignidade e valía dun mesmo e dos demais".

O que sabemos seguro, é que a saúde mental é máis que a ausencia de enfermidade:

  • inflúe en como pensamos e nos sentimos
  • inflúe no noso modo de interpretar o que sucede e
  • afecta á nosa capacidade de crear e manter relacións
  • e afecta a nosa capacidade de afrontar os cambios

 

DISCAPACIDADE INTELECTUAL E SAÚDE MENTAL


As persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento teñen entre 2 e 4 veces máis probabilidades de desenvolver unha enfermidade mental que o resto da poboación, pero é importante sinalar que problemas de saúde mental e discapacidade intelectual NON son o mesmo.

Os problemas de saúde mental están relacionados con problemas emocionais ou conductuais, pero non coa propia discapacidade. A pesar de poder coexistir, os problemas de saúde mental e a discapacidade intelectual son dúas condicións separadas que requiren tipos de intervención moi diferentes. 

As estatísticas preocupan. Ademais do dato que sinala que 4 de cada 10 persoas con discapacidade intelectual teñen asociados cadros de enfermidade mental, a posibilidade de que esta sexa diagnosticada é entre 3 e 4 veces maior que a que se refire ao resto da poboación.

A isto hai que engadir que 1 de cada 5 persoas con discapacidade mental toma medicación para patoloxías psiquiátricas sen ter asociado un problema de saúde mental. Unha sobremedicación que se produce pola falta de ferramentas dispoñibles no sistema sanitario público, así como pola ausencia case total de coordinación e especialización nos diferentes servizos asistenciais. 

 

O PROGRAMA DE SAÚDE MENTAL DE FADEMGA


Para facer fronte a esta realidade que acabamos de expoñer, dende a Federación traballamos en diferentes iniciativas que inclúen entre outros, a promoción do acceso a uns servizos de calidade, o impulso de cambios nos protocolos de actuación para que estos estén centrados na persoa e nas súas necesidades; unha maior interacción entre os servizos sociais e os servizos de saúde mental; unha atención máis especializada para aquelas persoas que presentan necesidades complexas (como trastornos de saúde mental con problemas de conduta asociados) así como unha maior formación dos profesionais deste ámbito. 

Para abordar estas múltiples opcións de mellora, o noso programa de saúde mental divídese en 3 liñas de acción: 

  • Liña 1: "Con bos apoios". Promovemos a mellora na coordinación sanitaria, avanzando así nos apoios ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que presentan dificultades relacionadas coa saúde mental e/ ou a conduta. 
  • Liña 2: "Redución de restricións". Miles de persoas con discapacidade intelectual e problemas de conduta ven limitada a súa vida polas restricións que lles aplican. Nalgúns casos son físicas ou farmacolóxicas, pero outras moitas, menos visibles, condicionan a súa liberdade de movemento e relación con outras persoas. A través desta inciativa buscamos promover unha redución destas restriccións, ao tempo que propoñemos unha reflexión ética sobre as súas consecuencias na dignidade e nos dereitos das persoas.
  • Liña 3: "Escola de aprendizaxe". Promovemos espazos de aprendizaxe destinados a mellorar os apoios que prestamos ás persoas con condutas que nos preocupan.

Asemade, durante o 2024 poñeremos o foco especialmente no coidado da saúde mental das persoas con discapacidade intelectual en proceso de envellecemento.

 

PUBLICACIÓNS RELACIONADAS


Nesta ligazón podes consultar diferentes publicacións do noso movemento asociativo relacionadas co eido da saúde mental.