Accesibilidade cognitiva
Queremos comprender o mundo
Nos últimos anos medrou a necesidade de avanzar en materia de accesibilidade máis aló da supresión de barreiras físicas, grazas á propia reivindicación das persoas con discapacidade intelectual, que reclaman a necesidade de avanzar en cuestións de accesibilidade cognitiva e a importancia de adaptar a contorna para poder lograr maior autonomía e acadar a plena inclusión social en todos os ámbitos.
Pero... QUE É A ACCESIBILIDADE COGNITIVA?
Podemos definir a accesibilidade cognitiva como “a característica das contornas, procesos, actividades, bens, produtos, servizos, obxectos ou instrumentos, ferramentas e dispositivos que permiten a fácil comprensión e a comunicación”.
Este tipo de accesibilidade beneficia a todas as persoas, pero hai determinados colectivos que a precisan máis, como por exemplo as persoas:
- con discapacidade intelectual.
- con parálise cerebral.
- con trastorno do espectro do autismo.
- con problemas de saúde mental.
- con dificultades para ler.
- persoas maiores con deterioro cognitivo.
- e persoas que non coñecen o idioma.
Ademáis, no noso movemento asociativo entendemos a accesibilidade cognitiva como un dereito chave, porque abre a porta a outros moitos dereitos como o dereito á saúde, á educación, á cultura ou ao emprego.
O PROGRAMA DE ACCESIBILIDADE DE FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA
Dende a Federación levamos a cabo múltiples iniciativas para promover unha maior accesibilidade cognitiva en todos os ámbitos da sociedade, entre as que cabe destacar:
- A adaptación a lectura fácil de documentos da administración, sentenzas, temarios de estudo, libros de narrativa, contos…
- Analizamos a accesibilidade de edificios públicos, transporte, centros sanitarios… para mellorar a orientación das persoas que acceden a eles.
- Formamos ás persoas con discapacidade e profesionais no ámbito da accesibilidade.
- Promovemos a accesibilidade nos procesos electorais, mediante a adaptación dos colexios e mediante a organización de obradoiros de formación nas nosas entidades, onde explicamos o funcionamiento das diferentes convocatorias de eleccións (autonómicas, xenerais, europeas...)
- Promovemos campañas de sensibilización para que a sociedade coñeza os beneficios da accesibilidade cognitiva…
Se tes interese en contactarnos para calquera cuestión relacionada con ámbito da accesibilidade cognitiva (adaptacións, formación, asesoramento...) envíanos un email a accesibilidade@fademga.org ou ben chámanos ao 981 51 96 50.
PUBLICACIÓNS RELACIONADAS
Nesta ligazón podes consultar diferentes publicacións do noso movemento asociativo relacionadas co ámbito da accesibilidade cognitiva.