A lectura fácil

Unha ferramenta para a inclusión

Todas as persoas temos o dereito de comprender a información que nos rodea, mentres que todas as institucións e organismos teñen o deber de expresarse de forma comprensible. Por iso, é necesario avanzar en ferramentas para que as contornas que nos rodean sexan facilmente accesibles e comprensibles.

A lectura fácil é un método de redacción que nos permite entender mellor a información, presentando os contidos dunha maneira máis sinxela, tanto no referido á linguaxe como ao formato no que se presenta. Noutras palabras, a lectura fácil elimina aqueles obstáculos que impiden a algunhas persoas acceder a determinados servizos como a educación, a cultura, o transporte e o lecer. 

 

PARA QUEN É A LECTURA FÁCIL?


Ao contrario do que algunhas persoas poidan pensar, a lectura fácil non é soamente para axudar a persoas con discapacidade intelectual, senón que tamén axuda a outros moitos segmentos da poboación que presentan certas dificultades de lectura e comprensión, como por exemplo as persoas migrantes que chegan a un país onde se fala outro idioma, as persoas con problemas de comprensión, as persoas maiores...

Aos poucos, a lectura fácil foi gañando terreo, pero aínda existe un gran descoñecemento respecto diso. Por elo, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia reivindicamos a accesibilidade cognitiva como un dereito universal que abre a porta a moitos outros dereitos.

Apostar pola lectura fácil é apostar pola igualdade de oportunidades para todas e todos. 

 

A VALIDACIÓN


A validación é unha condición indispensable para que un documento estea en lectura fácil. 

Durante a validación póñense a proba os textos adaptados por parte dun grupo heteroxéneo formado por persoas con discapacidade intelectual (normalmente trátase dun grupo formado por entre 5 e 8 persoas).

A validación alíñase co espírito do deseño para todos, que pretende contar coas persoas usuarias e permítenos ter unha maior seguridade de que o texto obtido será eficaz e cumprirá a súa función: dar acceso á información a persoas con dificultades de comprensión lectora.

Deste xeito, a validación pon de manifesto que se poden conseguir produtos comprensibles para a gran maioría de persoas con estas dificultades.

É ademáis unha fonte de traballo, que permite a moitas persoas con discapacidade intelectual traballar como validoras de textos. 

 

NORMAS


Información para todos. Son as normas europeas de lectura fácil. Se estás comezando a coñecer este mundo, é o primeiro manual que che recomendamos. 

Norma UNE. É unha norma española que explica como adaptar textos a lectura fácil. A Norma UNE é de pago, pero podes consultala gratis na páxina web de Accesibilitas. Se es profesional, recomendámosche seguir esta norma, que ten a súa propia versión en lectura fácil para os profesionais da validación.

 

PUBLICACIÓNS RELACIONADAS


Nesta ligazón podes descargar o manual "Lectura fácil: métodos de redacción e avaliación.