Impulsamos unha nova edición da Escola do Querer baixo o lema “O meu si”

Aprender a quererse ben para construír relacións libres e sen violencia

Impulsamos unha nova edición da Escola do Querer baixo o lema “O meu si”

FADEMGA Plena inclusión Galicia pon en marcha unha nova convocatoria da Escola do Querer, un espazo seguro e estable no que un grupo de mulleres se reúne para aprender, compartir e reflexionar sobre como construír relacións afectivas e sexuais saudables, libres e sen violencia.

Este ano, a Escola preséntase baixo o lema “O meu si”, unha mensaxe clara que reivindica o dereito de cada muller a decidir sobre o seu corpo, os seus vínculos e as experiencias que desexa vivir.

Un espazo para falar de afectos, desexo e dereitos

A través de dinámicas participativas e metodoloxías adaptadas, nas cinco sesións de formación e educación sexual trabállanse cuestións fundamentais como:

- O respecto e o bo trato

- O consentimento

- Os límites persoais

- O desexo

- A autoestima

O obxectivo é promover relacións baseadas na igualdade, na liberdade e na toma de decisións informadas, fortalecendo a capacidade de cada muller para identificar o que quere, expresalo e defendelo.

Autonomía, comprensión e participación real

A Escola do Querer está deseñada dende unha perspectiva accesible e inclusiva. Empreganse materiais en lectura fácil, apoios visuais e acompañamento profesional especializado, garantindo que todas as participantes comprendan os contidos, poidan expresar as súas opinións e participen de maneira activa. Esta metodoloxía non só facilita a aprendizaxe, senón que reforza a autonomía e a seguridade persoal, elementos clave para o exercicio pleno dos dereitos sexuais e reprodutivos.

 

Un compromiso coa igualdade

A actividade é gratuíta, está financiada pola Consellería de Política Social e Igualdade e xestionada a través do programa Mulleres en Igualdade de FADEMGA Plena inclusión Galicia.

Con iniciativas como a Escola do Querer, FADEMGA continúa avanzando cara a unha sociedade máis xusta, onde as mulleres con discapacidade intelectual sexan protagonistas das súas propias decisións e poidan dicir, con plena liberdade e apoio: este é o meu si.

 

Inscricións, prazos e información

Aquelas entidades interesadas en participar, debedes cubrir este formulario

O prazo para amosar interese remata o 13 de marzo.

Neste dosier podedes atopar toda a información sobre a actividade. 

Se tedes calquera dúbida sobre a actividade, podedes contactarnos chamando ao 981 51 96 50 ou escribindo a areasocial@fademga.org 

 

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.