Impulsamos dous novos recursos para acompañar a sexualidade das persoas con discapacidade intelectual

Un paso adiante para falar, comprender e vivir a sexualidade con apoio, respecto e liberdade

Impulsamos dous novos recursos para acompañar a sexualidade das persoas con discapacidade intelectual

FADEMGA Plena inclusión Galicia dá un novo paso no seu compromiso co benestar e os dereitos das persoas con discapacidade intelectual coa posta en marcha de dúas convocatorias centradas na atención á sexualidade: un "servizo de asesoría sexolóxica" dispoñible durante todo o ano e o proxecto específico "Mirada sexolóxica", cun prazo de inscrición aberto ata o 10 de abril. 

Ambas iniciativas parten dunha idea clara: a sexualidade forma parte da vida de todas as persoas e debe ser abordada desde o respecto, o acompañamento profesional e a garantía de dereitos.

O SERVIZO DE ASESORÍA

O "servizo de asesoría sexolóxica" está dirixido a persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias, ofrecendo un espazo seguro, confidencial e accesible onde poder falar con liberdade sobre sentimentos, desexos ou inquedanzas. Este recurso permitirá:

- Resolver dúbidas relacionadas coa sexualidade e as relacións afectivas

- Mellorar o coñecemento sobre o propio corpo e os límites

- Favorecer relacións máis saudables e respectuosas...

As asesorías desenvolveranse en distintos puntos de Galicia, adaptándose ás necesidades de cada persoa, e contan con horarios flexibles.

Ademais, as tres primeiras sesións son gratuítas

O prazo para solicitar este servizo permanece aberto durante todo o ano.

Nas seguintes ligazóns podedes: 

- Solicitar o servizo.

- Descargar o cartel e dosier informativo da iniciativa. 

 

A INICIATIVA "MIRADA SEXOLÓXICA"

Xunto a este servizo, FADEMGA lanza tamén o proxecto "Mirada sexolóxica", unha iniciativa de acompañamento intensivo dirixida a entidades que queiran mellorar a abordaxe da sexualidade no seu día a día. Este programa ofrece durante catro meses o apoio directo dunha profesional da sexoloxía, que traballará co equipo da entidade para:

- Detectar e abordar necesidades específicas das persoas usuarias

- Dotar aos equipos de ferramentas prácticas

- Xerar espazos de reflexión e aprendizaxe compartida

A intervención realízase de maneira continuada, adaptándose á realidade da organización e reforzando a capacidade dos equipos para actuar con maior seguridade e criterio.

A convocatoria está dirixida a entidades, preferentemente federadas, e conta cunha praza dispoñible nesta edición.

O prazo para presentar solicitudes remata o 10 de abril.

Nas seguintes ligazóns podedes: 

- Enviar o voso interese de participación.

- Descargar o cartel e dosier informativo da iniciativa. 

 

UN COMPROMISO COA SEXUALIDADE COMO DEREITO

Con estas dúas iniciativas, a federación reforza a súa aposta por incorporar unha mirada sexolóxica nas intervencións, entendendo a sexualidade como unha dimensión clave da calidade de vida.

Porque falar de sexualidade non é un tema incómodo: é unha cuestión de dereitos, de benestar e, tamén, de acompañamento profesional de calidade.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.