Como acompañar a sexualidade e as relacións? Unha formación para familias
Un espazo para resolver dúbidas e aprender a acompañar respectando a intimidade e as decisións de cada persoa.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
20-10-2026Como acompañar unha relación de parella respectando a intimidade? Como apoiar o uso das redes sociais? A afectividade e a sexualidade forman parte da vida de todas as persoas, pero ás veces ás familias fáltanlles ferramentas para abordar estas cuestións. Para falar destas dúbidas e aprender a acompañar, en FADEMGA Plena inclusión Galicia organizamos unha formación en liña dirixida a familias de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Celebrarase os días 23 e 30 de novembro, con dous horarios alternativos para facilitar a participación.
Podes consultar aquí o programa formativo.
Ferramentas para acompañar desde o respecto
Durante esta formación abordaremos as relacións sociais e de parella, a sexualidade e o uso das redes sociais. O obxectivo é que as familias adquiran coñecementos e ferramentas prácticas para ofrecer apoios respectando os dereitos, a intimidade e a capacidade de decidir de cada persoa.
A formación estará impartida por Cinthia Romero Muñiz, educadora social e sexóloga, responsable do servizo "Acende" da Federación.
Dúas sesións, con horarios para escoller
A formación desenvolverase en liña, a través de Teams, en dúas sesións:
- 23 de novembro:de 11:00 a 12:30 ou de 16:30 a 18:00.
- 30 de novembro: de 11:00 a 12:30 ou de 16:30 a 18:00.
Ao cubrir a inscrición, cada persoa deberá escoller un horario para cada día.
Como participar?
O prazo de inscrición estará aberto ata o 13 de novembro, incluído.
Para participar é necesario cubrir o formulario de inscrición.
Non se admitirán solicitudes por outras vías nin fóra de prazo.
A partir do 17 de novembro confirmaremos as prazas por correo electrónico.
Anímate a participar!

