Abrimos a inscrición nun curso en liña sobre a detección e redución das prácticas restritivas
A formación, dirixida a profesionais e familias, analizará o impacto destas prácticas na calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento
FADEMGA Plena inclusión Galicia
19-01-2026FADEMGA Plena inclusión Galicia abre o prazo de inscrición do curso "As prácticas restritivas. Detección e claves para a súa redución", unha acción formativa en liña que busca promover apoios máis respectuosos cos dereitos e a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.
O curso desenvolverase do luns 9 de febreiro ao luns 30 de marzo de 2026, a través da plataforma de formación de Plena inclusión, e estará impartido por Laura Garrido Marijuán, profesional con ampla experiencia no ámbito dos apoios centrados na persoa.
A formación está dirixida a profesionais e familiares que apoien a persoas con condutas que xeran preocupación ou con maiores necesidades de apoio, e pretende ofrecer unha mirada crítica e práctica sobre o uso das prácticas restritivas, así como ferramentas reais para a súa redución.
INSCRICIÓNS
O prazo de inscrición estará aberto do 19 ao 29 de xaneiro de 2026.
Unha vez pechado, a admisión do alumnado comunicarase a partir do 3 de febreiro, a través do enderezo de correo electrónico que nos teñades indicado na solicitude.
OBXECTIVOS DO CURSO
Entre os principais obxectivos da acción formativa destacan:
- Tomar conciencia do impacto das prácticas restritivas na calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.
- Promover un cambio da visión asistencialista e das crenzas limitantes sobre as posibilidades de desenvolvemento persoal.
- Favorecer a posta en práctica de valores e estilos de apoio respectuosos co marco de dereitos.
- Xerar estratexias alternativas ás prácticas restritivas no apoio ás persoas.
- Dotar de ferramentas para a elaboración dun plan de redución de prácticas restritivas, tanto a nivel individual como organizacional.
Nas seguintes ligazóns podedes:
- Descargar o programa completo do curso
- Realizar a inscrición no mesmo.
* Esta acción formativa é totalmente gratuíta, grazas á financiación do Ministerio de Dereitos Sociais, Consumo e Axenda 2030, e enmárcase no compromiso de FADEMGA coa promoción de apoios máis xustos, éticos e centrados nas persoas.

