Abren as inscricións para o Encontro Autonómico de Mulleres, que este ano incorpora un espazo para profesionais
A xornada combinará contidos sobre saúde e coidados cun espazo de reflexión profesional arredor do acompañamento á sexualidade e do exercicio de dereitos.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
14-07-2026Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia abrimos o prazo de inscrición para unha nova edición do Encontro Autonómico de Mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, que celebraremos o próximo 22 de setembro na Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.
Baixo o lema «Xuntas para coidarnos», este ano organizamos o encontro arredor de dous espazos diferenciados, que se desenvolverán de maneira simultánea, no mesmo horario de mañá e de tarde:
- Un espazo dirixido exclusivamente a mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
- Un espazo de participación e encontro destinado ás e aos profesionais que apoian a sexualidade das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
Con esta proposta queremos crear lugares seguros nos que compartir experiencias, resolver dúbidas, adquirir novos coñecementos e avanzar no exercicio dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
UN ESPAZO PARA QUE AS MULLERES FALEMOS DE SAÚDE E COIDADOS
No espazo destinado ás mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolemento queremos ofrecer información accesible sobre saúde integral e crear un ambiente de confianza no que as participantes poidan falar, compartir experiencias e coñecer mellor o seu corpo. Nesta edición centrarémonos especialmente na saúde menstrual e nos cambios que experimenta o corpo das mulleres ao longo das diferentes etapas da vida.
Durante a xornada abordaremos cuestións como:
- O ciclo menstrual, os mitos e as crenzas.
- O corpo das mulleres e os seus cambios.
- A menstruación e a menopausa.
- A alimentación e a saúde feminina.
- A prevención de patoloxías.
- As recomendacións para o benestar e o coidado da saúde.
Este espazo contará con 35 prazas, das que catro estarán reservadas para mulleres en risco de exclusión social.
Á hora de asignar as prazas, valoraremos que participe o maior número posible de entidades federadas e que as mulleres formen parte dos encontros mensuais do Programa de Muller.
Cubre aquí o formulario de participación
UN NOVO ESPAZO PARA AS E OS PROFESIONAIS
Como novidade, este ano poñemos en marcha un espazo específico para profesionais que acompañan e prestan apoio ás mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento no ámbito da sexualidade. Queremos que sexa un lugar de participación e reflexión no que poidamos falar de maneira dinámica e aberta sobre as necesidades, as dificultades e os retos que aparecen no acompañamento á sexualidade.
Este espazo está pensado para profesionais que queiran:
- Explorar necesidades reais.
- Identificar dificultades e barreiras.
- Compartir experiencias.
- Recoñecer oportunidades de cambio e mellora.
- Coñecer novas formas de acompañar.
- Construír propostas para o futuro.
Durante a xornada traballaremos contidos relacionados co concepto integral de sexualidade, a responsabilidade profesional, as expectativas e os desexos das persoas, as necesidades dos equipos e as dificultades que aínda existen para garantir o dereito á saúde sexual. Apostamos por un espazo seguro no que cuestionar prácticas, compartir coñecementos e construír novas respostas.
Este espazo contará con 15 prazas.
Priorizaremos a participación do maior número posible de entidades federadas, así como das entidades con mulleres que participan nos encontros mensuais do Programa de Muller.
Cubre aquí o formulario de inscrición para profesionais
PRAZO DE INSCRICIÓN E CUSTO
O prazo de inscrición para os dous espazos permanecerá aberto ata o 14 de agosto.
Dende FADEMGA confirmaremos as prazas o martes 8 de setembro e enviaremos posteriormente a información detallada sobre os horarios e o desenvolvemento da xornada.
O custo do encontro será de:
- 5 euros por persoa para as participantes no espazo das mulleres.
- 5 euros por persoa para profesionais de entidades federadas.
- 10 euros por persoa para profesionais de entidades non federadas.
O prezo inclúe todas as actividades da xornada, os materiais, un descanso de media mañá e o xantar.
O pagamento deberá realizarse unha vez confirmada a praza.
O 22 de setembro queremos volver atoparnos para falar, compartir e seguir avanzando xuntas. Porque coidarnos tamén significa coñecernos, escoitarnos e defender os nosos dereitos!

