Mulleres

Un movemento feminista!

A participación e o liderado das mulleres é ante todo un dereito humano básico que debe ser garantido, co fin de asegurar o exercicio do resto dos dereitos humanos e liberdades fundamentais sen excepción: educación, emprego, saúde, dereitos sexuais e reprodutivos, vida na comunidade, relacións familiares, participación política, empoderamento económico, acceso á xustiza… 

Con todo, as mulleres con discapacidade intelectual teñen moi complicado o acceso a estes dereitos básicos, non só por ser mulleres, senón por ter unha discapacidade e porque esta discapacidade sexa intelectual.

É o que coñecemos como tripla discriminación. 

No seu caso a inequidade e a discriminación prodúcense de forma máis constatable en todos os ámbitos citados, estando ademais máis expostas a todo tipo de abusos e violencia no día a día.


O PROGRAMA DE MULLER DE FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA


Para tentar paliar esta situación, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia organizamos e promovemos diferentes accións dirixidas á prevención, a unha maior participación social, ao fomento da corresponsabilidade e á promoción da saúde das mulleres con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. 
Entre estas accións cabe destacar: 

 

  • A creación de espazos que favorezan o empoderamento e o desenvolvemento persoal e social.  
  • Formación, tanto a mulleres con discapacidade intelectual como a profesionais do sector sobre prevención do abuso, igualdade de xénero e dereitos. 
  • Campañas de visibilización social. 
  • Apoio ás entidades federadas para abordar aspectos relacionados co xénero. 
  • Actividades culturais e de lecer para favorecer a súa inclusión na vida comunitaria. 

 

PUBLICACIONES RELACIONADAS


Nesta ligazón podes consultar diferentes publicacións do noso movemento asociativo relacionadas con ámbito das mulleres con discapacidade intelectual.