Emprego e formación
Traballamos pola plena inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual
O acceso a un emprego é un dereito que temos todas as persoas, independentemente das nosas características.
Tamén é unha das mellores formas de garantir a inclusión social de todo o colectivo de persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, así como de mellorar a súa calidade de vida, a súa autonomía, de promover a súa independencia, de facilitar as relacións con outras persoas e mesmo de mellorar a súa autoestima.
Por todo elo, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia tratamos de fomentar e mellorar todos aqueles eidos necesarios para a consecución dun posto de traballo ou ben para mellorar as condición daquelas persoas que xa o teñen.
Unha abordaxe integral que inclúe facilitar información e orientación laboral, ofrecer formación que mellore as posibilidades de atopar emprego, prestar apoios no propio posto ás persoas que xa se atopan traballando e mesmo detectar e apoiar novas necesidades no mercado de traballo.
O SERVIZO DE EMPREGO E FORMACIÓN DE FADEMGA
O noso servizo de emprego e formación conta con máis de 25 anos de experiencia na defensa e na loita polos dereitos das persoas con discapacidade intelectual ao mercado laboral. Falamos dun eido moi amplo, que implica non soamente a loita polo acceso ao mercado de traballo ordinario, senón tamén por contar cunha formación adaptada ao colectivo, por reivindicar máis prazas de emprego público, por fomentar a creación e ampliación dos Centros Especiais de Emprego, por concienciar sobre a importancia dos apoios no posto laboral e mesmo por sensibilizar á sociedade da importancia de contar con empresas diversas, inclusivas e accesibles.
Preme nesta ligazón e coñece os principais fitos do servizo!