Transparencia, planificación e ética: consulta toda a documentación institucional de FADEMGA e Plena inclusión
Xa podes acceder ás memorias, plan de acción e compromisos éticos que guiarán o noso traballo no vindeiro ano.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
24-06-2025Tras a recente celebración da nosa Asemblea Xeral, xa tedes dispoñible para descarga os principais documentos de rendición de contas e planificación da Federación. Estes materiais permiten coñecer de forma transparente o traballo realizado durante o último ano, así como os retos que nos propoñemos para o futuro inmediato.
Entre a documentación dispoñible poderás atopar:
- Memoria de Actividades 2024: unha revisión detallada dos principais proxectos, servizos, campañas e logros acadados ao longo do último exercicio.
- Plan de Acción 2025: recolle as liñas estratéxicas, obxectivos e accións que orientarán o noso traballo durnte este ano.
- Memoria Económica 2024 e informe de auditoría: un exercicio de transparencia que inclúe a rendición de contas financeiras acompañada da revisión independente da auditoría.
Todos estes documentos tamén poden consultarse e descargarse a través da nosa sección de transparencia.
Información relevante da Confederación
Tal e como se explicou durante a Asemblea, tamén está dispoñible a documentación estratéxica da Confederación Plena inclusión, de especial interese para comprender o marco común no que nos desenvolvemos como parte do movemento asociativo estatal.
Construído de forma participativa, este plan reforza o compromiso do movemento asociativo coa defensa dos dereitos, a innovación social e a construción de comunidades máis inclusivas. Estrutúrase ao redor de eixos crave como o liderado das propias persoas con discapacidade intelectual, a sustentabilidade organizativa, a equidade territorial e a xeración de alianzas que multipliquen o impacto colectivo.
Aquí podes descargar:
- O Plan estratéxico de Plena inclusión
- O informe de seguimento do Plan estratéxico
Actualización do Código ético de Plena inclusión: un compromiso vivo cos valores do noso movemento asociativo
Asemade, a Confederación Plena inclusión vén de aprobar unha actualización profunda do seu Código Ético, un documento clave que orienta o conxunto do movemento asociativo estatal e que reflicte os principios e valores que deben guiar a súa actuación en todos os niveis: local, autonómico e estatal.
Esta renovación non é un simple exercicio formal. Supón unha revisión crítica e participada para reforzar a coherencia entre o que o movemento predica e o que practica, especialmente nun momento no que as esixencias sociais e os retos éticos son cada vez máis complexos. O novo texto amplía e afonda no recoñecemento dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, escoitando as súas voces e recoñecendo a súa capacidade para tomar decisións sobre as súas vidas, situando a ética do coidado, a xustiza social e a equidade como piares fundamentais do traballo das entidades.
O documento é tamén unha guía para a reflexión e a mellora continua, e establece mecanismos de seguimento que permitan avaliar se as organizacións están a actuar en consonancia co que proclaman, convidando a cada entidade federada a adaptalo á súa realidade, mantendo a esencia común pero permitindo a súa apropiación en contextos diversos.
Nas vindeiras semanas, a Confederación publicará o texto definitivo e levará a cabo un proceso de adhesión que involure ao maior número posible de entidades de Plena inclusión.
Nesta ligazón podes consultar unha infografía sobre este novo Código.

