Súmate ao proxecto “Navega o teu futuro” para mellorar as competencias dixitais das persoas con discapacidade intelectual

Un programa estatal que aposta pola formación dixital como ferramenta de inclusión

Súmate ao proxecto “Navega o teu futuro” para mellorar as competencias dixitais das persoas con discapacidade intelectual

Co obxectivo de avanzar na autonomía e inclusión dixital das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, animámoste a participar no proxecto estatal “Navega o teu futuro: Competencias dixitais para a vida 2025–2026”, impulsado pola Confederación Plena inclusión España.

Formación adaptada e práctica

O proxecto está dirixido a persoas adultas que xa remataron a etapa educativa ou o período de transición á vida adulta, e quere dar resposta á necesidade de seguir aprendendo nun mundo cada vez máis dixital. A formación estrutúrase en dúas fases:

Fase 1: Formación online para profesionais das entidades, que se desenvolverá entre decembro de 2025 e xuño de 2026. Estas sesións dotarán ao persoal de materiais e orientacións para formar posteriormente ás persoas con discapacidade.

Fase 2: Formación presencial dirixida ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, a cargo dos profesionais previamente formados.

As sesións tratarán temas tan importantes como o uso de WhatsApp e videochamadas, redes sociais, seguridade dixital, intelixencia artificial ou o uso práctico de ferramentas como Google Maps ou YouTube.

Calendario e metodoloxía

O calendario inclúe unha primeira sesión de coordinación o 11 de decembro, e a primeira sesión formativa para profesionais será o 15 de xaneiro.

Cada mes haberá unha nova temática e, paralelamente, os profesionais organizarán sesións prácticas coas persoas participantes.

A metodoloxía en cascada garante que o coñecemento se adapte á realidade de cada entidade e se manteña ao longo do tempo.

Ademais, as formacións estarán conducidas por unha persoa experta e outra formadora con discapacidade intelectual.

Inscricións abertas

As entidades interesadas poden inscribirse ata o 7 de novembro a través deste formulario

Para participar, é necesario contar cunha persoa profesional con acceso a internet e compromiso de formar a un grupo estable de persoas da entidade.

Este proxecto é unha oportunidade para seguir apostando pola inclusión tamén no ámbito dixital.

En FADEMGA, cremos no poder da tecnoloxía cando vai da man da accesibilidade e da aprendizaxe compartida!

Descarga aquí toda a información do proxecto

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.