Segunda edición do Laboratorio de Benestar
Un espazo para coidarte e coñecerte mellor
FADEMGA Plena inclusión Galicia
07-09-2025Tras a boa acollida da primeira edición, volvemos con máis forza co Laboratorio de Benestar, unha proposta pioneira que busca ofrecer ás persoas con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento un lugar seguro e estimulante no que investigar, expresarse e atoparse consigo mesmas e coas demais.
Porque o benestar non é só físico: tamén é emocional, relacional e creativo.
Un espazo para investigar(se)
O Laboratorio de Benestar propón un contexto de exploración persoal onde observar como nos manexamos nas relacións, como xestionamos as emocións ou como afrontamos os conflitos. Aspectos todos eles que, cando se presentan con dificultades, poden actuar como factores de risco para o desenvolvemento de problemas de saúde mental.
Por iso, neste espazo ofreceremos ferramentas que favorezan a expresión, a conexión e a comprensión emocional, a través de técnicas moi vivenciais:
- Teatro e interpretación: para conectar coa espontaneidade e a creatividade, traballando desde a seguridade que ofrece o xogo de roles.
- Movemento e expresión corporal: porque o corpo é o noso primeiro vehículo de relación, e tamén un potente espello emocional.
Cando e onde será?
Venres 10, 17, 24 e 31 de outubro, de 10:30 a 12:00 h
Lugar: Casa das Asociacións CABES (Rúa Manuel María, 6 – Salgueiriños, Santiago de Compostela)
Público destinatario
Persoas con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento (máximo 10 prazas)
Terán prioridade aquelas persoas que presenten tamén enfermidade mental ou bloqueos relacionados con ansiedade e/ou estrés.
Se che interesa participar ou coñeces a alguén para quen esta experiencia podería ser transformadora, envía a ficha de inscrición cuberta antes do 3 de outubro a: areasocial@fademga.org
E se tes algunha dúbida ou cuestión, chama ao 981 51 96 50 e pregunta por Pilar Villaverde.
Nesta ligazón podes descargar toda a información do laboratorio.

