Reunímonos co Conselleiro de Sanidade co fin de propoñer melloras para as persoas con discapacidade intelectual no sistema de saúde galego
A xestión de casos, o envellecemento e a atención odontolóxica, foron temas centrais na reunión con Sanidade
FADEMGA Plena inclusión Galicia
13-12-2024O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández, e a técnica da federación Pilar Villaverde, mantiveron onte unha reunión co conselleiro de Sanidade da Xunta de Galicia, Antonio Gómez Caamaño, así como co director xeral de asistencia sanitaria Alfredo Jose Silva Tojo para analizar a situación sanitaria das persoas con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento na nosa comunidade e propoñer melloras nos dispositivos de atención.
Na xuntanza analizouse a situación sanitaria deste colectivo, sustentada en estudos recentes como o proxecto POMONA-ESP, que reflicte que as persoas con discapacidade intelectual presentan un estado de saúde inferior ao da poboación xeral. Ademais, a prevalencia de enfermidades físicas é 2,5 veces superior e os trastornos psiquiátricos afectan ata o 22,4% desta poboación, fronte ao 16% da poboación sen discapacidade. Factores como a carga xenética, problemas psicolóxicos e barreiras de accesibilidade contribúen a esta desigualdade.
MEDIDAS PRIORITARIAS PARA UN CAMBIO NECESARIO
Eladio Fernández destacou a urxencia de implementar accións concretas para paliar estas desigualdades, como:
- Formación e capacitación profesional: Incrementar os coñecementos das e dos profesionais sanitarios e sociosanitarios en discapacidade intelectual e habilidades de comunicación.
- Mellora da accesibilidade: Garantir que os dispositivos sanitarios sexan cognitiva e estruturalmente accesibles, en cumprimento da Lei 12/2013.
- Coordinación entre servizos: Crear redes estables entre as entidades de apoio e os servizos de saúde pública.
- Figura de xestor/a de casos: Estender esta función, xa incluída no Plan de Saúde Mental, para un seguimento individualizado.
- Fortalecemento da asistencia odontolóxica: Ampliar e mellorar o programa actual dirixido a persoas con discapacidade severa.
- Ampliación do “Programa sociosanitario de detección e intervención comunitaria en persoas en risco de presentar un trastorno mental” a todos os centros sociosanitarios residenciais.
O RETO DO ENVELLECEMENTO
Outro tema clave foi o impacto do envellecemento nas persoas con discapacidade intelectual, que comezan a experimentar o declive asociado á idade a partir dos 45 anos. Galicia, sendo unha das zonas máis envellecidas de Europa, require medidas específicas para garantir unha atención adecuada a este segmento crecente da poboación.
PROXECTOS DE COLABORACIÓN DE CARA AO FUTURO
Durante a reunión, presidente e técnica da Federación subliñaron o valor de iniciativas como o proxecto “Aténdeme-Enténdeme”, destinado a mellorar a comunicación entre profesionais sanitarios e pacientes con discapacidade, o “Programa Avicena” destinado a ensinar ás personas de apoio a interactuar de maneira efectiva con profesionais da Saúde (especialmente prescriptores) no contexto dunha revisión de medicación de cara a unha reducción de utilización de psicofármacos ou a “Rede de Asesoramento en Conduta”, que busca fortalecer os apoios para a xestión de situacións complexas. Estas iniciativas exemplifican o potencial da colaboración para avanzar cara a un sistema máis inclusivo.
COMPROMISO E COLABORACIÓN INSTITUCIONAL
FADEMGA agradeceu a receptividade da Consellería de Sanidade e fixo un chamamento á materialización das propostas presentadas. “As persoas con discapacidade intelectual merecen un sistema de saúde que responda ás súa realidade e necesidades específicas. O noso compromiso é seguir traballando para facelo posible”, concluíu Eladio Fernández.
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia agrademos a receptividade da Consellería de Sanidade e esperamos que as propostas presentadas se transformen en accións concretas que melloren a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual en Galicia.

