#QueSeLeaFácil, unha campaña que reivindica máis libros en lectura fácil para centos de miles de persoas con dificultades de comprensión
Porque a cultura só é cultura cando todas as persoas poden entendela.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
23-04-2025Coincidindo coa celebración do Día Internacional do Libro, Plena inclusión lanza #QueSeLeaFácil, unha campaña en redes sociais que busca visibilizar a escaseza de libros en lectura fácil e reclamar o dereito das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, e de todas as que teñen dificultades de comprensión a gozar da cultura accesible e inclusiva.
Esta acción sensibilizadora parte dunha idea orixinal: os protagonistas dos libros clásicos rebélanse e reclaman que as súas historias poidan chegar a todas as persoas, tamén a quen ten máis dificultades de comprensión lectora. Mitos da literatura universal manifestan o seu cansazo acerca de que as súas aventuras non sexan accesibles e por iso deciden revivir e contar as súas historias de maneira máis fácil.
Máis clubs de lectura fácil
A iniciativa nace a partir das demandas de máis de 200 clubs de lectura fácil que participaron nunha enquisa realizada por Plena inclusión España. Este estudo, solicitou a opinión de clubs de dentro e fóra do movemento asociativo de todo o país. As conclusións desta enquisa reflicten tres reivindicacións principais:
· Demándanse máis libros de literatura adaptados a lectura fácil
· Pídese formación específica para as persoas dinamizadoras de clubs de lectura
· Reivindícase un apoio das administracións públicas que garanta o acceso universal á cultura.
Os clubs de lectura fácil teñen como misión facilitar lectura accesible a persoas con dificultades de comprensión. En España viven centos de miles de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, maiores con deterioro cognitivo e outras persoas que se enfrontan a barreiras para comprender un texto escrito. A tarefa de entendelo lévalles a utilizar materiais e libros adaptados a lectura fácil, unha forma de redacción e deseño que facilita a comprensión lectora para todas as persoas.
Ler tamén é un dereito
Plena inclusión lembra que a lectura non debe ser un privilexio, senón un dereito fundamental. Así o defende Maribel Cáceres, vicepresidenta de Plena inclusión España: “Ler e entender o que lemos é unha aspiración xusta de calquera ser humano. Por iso, desde Plena inclusión reivindicamos máis lectura accesible para as persoas con dificultades de comprensión”. A idea central da campaña de Plena inclusión con motivo do Día do Libro é que a cultura só é cultura cando todas as persoas poden entendela.
Nesta ligazón poderás atopar diversas formas de participar e materiais da campaña.

