Profesionais de todo o país reuníronse en Santiago para mellorar a accesibilidade cognitiva nos espazos públicos
Persoas expertas en accesibilidade de Estremadura, Murcia e Sevilla aportaron novas estratexias para mellorar a comprensión dos espazos públicos.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
27-03-2025FADEMGA Plena inclusión Galicia celebrou o pasado venres a "Xornada de accesibilidade cognitiva en espazos" na Escola Galega de Administración Pública (EGAP) en Santiago de Compostela. O evento reuniu a profesionais, entidades sociais e representantes de administracións públicas co obxectivo de sensibilizar e formar sobre a importancia de crear contornas máis comprensibles e accesibles para todas as persoas.
A xornada contou coa participación de expertas e expertos chegados desde a Oficina de Accesibilidade Cognitiva e Lectura Fácil de Estremadura, o Servizo de Información Accesible de Plena inclusión Región de Murcia e o Laboratorio de Diversidade, Cognición e Linguaxe da Universidade de Sevilla. As súas intervencións destacaron as boas prácticas e as iniciativas innovadoras que se están a desenvolver no ámbito da accesibilidade cognitiva.
Durante o acto inaugural, o conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, José López Campos, destacou que "é importante seguir traballando neste eido. FADEMGA está a facer un traballo extraordinario e a Xunta agradece este impulso, que para nós é ademáis unha guía”. Pola súa banda, concelleiro de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica de Santiago de Compostela, Iago Lestegás, subliñou durante a súa intervención que "é fundamental que as nosas cidades sexan accesibles para todas as persoas, garantindo que todos poidan comprender e orientarse nos espazos urbanos". Lestegás, arquitecto e doutor en Rexeneración Urbana e Desenvolvemento Económico, ten unha ampla experiencia na redacción de planeamento urbanístico e no deseño de espazos públicos, así como na elaboración de estratexias de desenvolvemento urbano sostible.
O presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo, fixo un chamamento para que as Administracións se impliquen activamente “O compromiso coas contornas accesibles non pode quedar só no eido do movemento social. As administracións públicas teñen que asumir o seu papel nesta transformación. E non o dicimos nós: o dí a lei, pois a accesibilidade cognitiva é un dereito recoñecido normativamente, e, polo tanto, é unha obriga que debe estar presente en todas as políticas públicas”.
Por parte da Federación, Eladio Fernández puxo o foco no traballo que está a desenvolver a Federación neste eido “Dende FADEMGA levamos anos traballando para que a accesibilidade cognitiva forme parte das políticas públicas e do deseño dos espazos. E sabemos que non abonda con boas intencións: hai que poñer medios, recursos e formación para que os espazos sexan verdadeiramente accesibles”.
A través deste encontro FADEMGA Plena inclusión Galicia reafirma o seu compromiso coa promoción da accesibilidade cognitiva como ferramenta esencial para a inclusión e a mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento. Unha actividade que se une ao amplo catálogo de iniciativas nas que se está a traballar, como a adaptación de documentos xurídicos a lectura fácil, a sinalización accesible en centros de saúde, a formación a profesionais e administración e mesmo a diagnose da accesibilidade de espazos, propoñendo medidas concretas de mellora.

