Profesionais da saúde mental, familias e estudantes reúnense en Burela para abordar o envellecemento das persoas con discapacidade intelectual

A presidenta da Asociación ASPANANE, Mª Dolores Fernández e a vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión, Carmen Taboada, exerceron como anfitrioas da xornada

Profesionais da saúde mental, familias e estudantes reúnense en Burela para abordar o envellecemento das persoas con discapacidade intelectual

O pasado 7 de febreiro, o Salón de Actos do Hospital da Mariña, en Burela, acolleu a quinta edición da "Xornada sobre discapacidade intelectual e saúde mental", organizada por ASPANANE en colaboración con FADEMGA Plena inclusión Galicia. O evento reuniu a profesionais, familias e público en xeral co obxectivo de reflexionar sobre o proceso de envellecemento das persoas con discapacidade intelectual e abordar a atención integral que precisan.

Na inauguración do encontro participou a alcaldesa de Burela Carmela López Moreno, quen aproveitou esta ocasión para destacar “o orgullo que sinte a Mariña por ese centro residencial que conseguiu Aspanane para Xove e que será un fito para a zona”, así como Almudena Díaz Pereira, subdirectora xeral de atención á saúde mental que destacou “o desafío que teñen por diante os e as profesionais do sector: construir un modelo de atención que mellore a saúde, que integre, que recoñeza a cada individuo na súa totalidade, e que potencie a súa participación na sociedade”.

Asemade destacou a importancia da contorna familiar “clave para o benestar xeral. É esencial que as políticas de saúde mental recoñezan esta realidade e brinden apoio ás familias. Non so en términos de apoio e recursos, senón no que respecta a saúde mental familiar”. Tamén tomaron parte desta inauguración María José Cortés, directora do Hospital Público da Mariña, Óscar Viñas, director territorial da Consellería de Política Social e Igualdade de Lugo, Demetrio Salgueiro, alcalde de Xove, José Jesús Novo, alcalde de O Vicedo e Manuel Arrojo, coordinador da unidade de saúde mental, entre outros.

GRAN ACOLLIDA DAS ENTIDADES DA ZONA

Á xornada asistiron profesionais, estudantes e familias de 16 entidades da discapacidade intelectual e do propio SERGAS. Todas elas puideron escoitar de primeira man as poñencias de Laura Gamonal, xeriatra na unidade de coordinación e apoio asistencial a residencias sociosanitarias da área sanitaria de Coruña e Cee, así como Gonzalo Berzosa, psicólogo e xerontólogo, director na Escola de Familias e discapacidade da Fundación MAPFRE, que abordaron temas como a importancia da xeriatría de cara ao coidado da saúde das persoas con discapacidade intelectual, os retos asociados á atención deste colectivo e os aspectos clave para a súa saúde mental.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.