Presentacións do 19º Seminario de Discapacidade Intelectual e Saúde Mental
Accede a todas as presentacións utilizadas polas e polos poñentes nesta edición
FADEMGA Plena inclusión Galicia
10-12-2025Co propósito de seguir difundindo coñecemento, favorecendo a aprendizaxe compartida e reforzando a rede profesional que sostén o noso movemento, poñemos á disposición de toda a comunidade as presentacións das persoas poñentes que participaron na 19ª edición do Seminario de Discapacidade Intelectual e Saúde Mental, celebrado na Facultade de Psicoloxía da USC.
Este encontro, xa consolidado como unha cita de referencia en Galicia para profesionais, entidades sociais, familias e estudantado, centrou nesta ocasión o seu foco no benestar emocional e no impacto decisivo que exerce na vida das persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, así como nas familias e nos equipos profesionais.
Un espazo que crece, evoluciona e coida da comunidade
Ao longo das súas xa case dúas décadas de traxectoria, o seminario ten demostrado ser moito máis ca un foro técnico: é un lugar de encontro onde o coñecemento científico e a experiencia práctica dialogan, reforzando a idea de que non pode haber inclusión plena sen saúde mental, nin sen redes de apoio que acompañen con humanidade, rigor e calidez. A súa inauguración institucional contou coa participación de representantes da Xunta de Galicia, do Parlamento, do CERMI Galicia e de FADEMGA Plena inclusión Galicia, que coincidiron en subliñar a necesidade de continuar avanzando cara modelos de apoio centrados na persoa e de consolidar espazos que dean voz ao que realmente importa: o benestar e os proxectos de vida das persoas.
Accede ás presentacións
A continuación atoparás as presentacións empregadas polas e polos profesionais que nos acompañaron nesta edición.
- Envellecemento en persoas con grandes necesidades de apoio e acompañamento en positivo.
- Fortalecer ás familias: apoio emocional en momentos clave
- Resiliencia nos equipos de apoio.
Agardamos que che resulten útiles, inspiradoras e un recurso práctico para seguir mellorando os apoios que ofrecemos desde as entidades e servizos.

