Participamos na inauguración do novo Centro Especial de Emprego de Hospitalarias Betanzos
Un proxecto que impulsa a inclusión laboral de persoas con discapacidade intelectual
FADEMGA Plena inclusión Galicia
24-03-2025FADEMGA Plena inclusión Galicia e a patronal AEDIGAL participamos na presentación do novo Centro Especial de Emprego (CEE) Hospitalarias Betanzos, unha iniciativa promovida pola Fundación Hospitalarias que abre as súas portas cun equipo inicial de 18 traballadores e traballadoras. Este centro está orientado a ofrecer oportunidades laborais a persoas con discapacidade, especialmente no ámbito da lavandería industrial.
Desde FADEMGA destacamos a importancia deste tipo de proxectos para fomentar a autonomía, a inclusión social e o acceso ao mercado laboral das persoas con discapacidade intelectual. O novo CEE Hospitalarias Betanzos permitirá non só a xeración de emprego, senón tamén un acompañamento especializado para garantir o desenvolvemento profesional e persoal das persoas contratadas.
O acto de inauguración contou coa presenza de diversas autoridades, entre elas o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, quen puxo en valor a creación deste tipo de infraestruturas como unha vía fundamental para promover unha Galicia máis inclusiva e accesible para todas as persoas.
Desde FADEMGA Plena inclusión Galicia seguimos traballando para que o emprego sexa unha realidade accesible para todas as persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, apoiando iniciativas que favorezan a súa participación activa na sociedade.
Porque o emprego é clave para a inclusión!

