Organizamos unha xornada para reivindicar unha xustiza máis accesible e comprensible para todas as persoas

O encontro reunirá a profesionais do ámbito xurídico, representantes institucionais e especialistas en accesibilidade cognitiva

Organizamos unha xornada para reivindicar unha xustiza máis accesible e comprensible para todas as persoas

Baixo o lema «Dereitos que se entenden, dereitos que se exercen», dende a USC e FADEMGA Plena inclusión Galicia organizamos o vindeiro 4 de decembro a xornada «A accesibilidade cognitiva como garantía do acceso á xustiza». Con esta iniciativa queremos poñer de manifesto a importancia de garantir que todas as persoas poidan comprender a información xurídica, participar nos procedementos xudiciais e exercer os seus dereitos en igualdade de condicións. Ao longo da mañá abordaremos cuestións fundamentais como a accesibilidade cognitiva no ámbito da xustiza, os cambios introducidos pola Lei 8/2021, a aplicación práctica desta reforma nos procedementos xudiciais e notariais, a lectura fácil e o papel das persoas facilitadoras como apoio para garantir unha participación efectiva.

A xornada desenvolverase en horario de mañá, con inicio ás 9:00 horas e clausura ás 15:00 horas.

Un espazo de reflexión con voces expertas

Para afondar nestas cuestións contaremos coa participación de profesionais de referencia do ámbito xurídico, a investigación, a accesibilidade cognitiva e o movemento asociativo da discapacidade. Entre as persoas participantes estarán Inés de Araoz, coordinadora da área xurídica de Plena inclusión España e María José Fernández, avogada especializada e formadora en cuestións xurídicas vinculadas á discapacidade.

Tamén nos acompañarán representantes da Administración de Xustiza, como Belén Rubido de la Torre, maxistrada da Audiencia Provincial de Pontevedra; Santiago Miguel Cruces, fiscal delegado de apoio ás persoas con discapacidade de Galicia; e Germán María Serrano, maxistrado delegado de discapacidade do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

A accesibilidade cognitiva terá un protagonismo especial coa participación de Blanca Tejero e Raquel Cárcamo, codirectoras do Centro Español de Accesibilidade Cognitiva, así como de profesionais de FADEMGA e doutras organizacións de Plena inclusión vinculadas á adaptación de documentos xudiciais a lectura fácil e á figura da persoa facilitadora.

Ademais, teremos a oportunidade de escoitar a experiencia en primeira persoa dunha persoa con discapacidade intelectual, que nos permitirá coñecer a importancia dos apoios para participar nos procedementos xudiciais.

Nesta ligazón podes descargar o programa completo. 

Información práctica

A xornada terá lugar o venres 4 de decembro na Facultade de Dereito da Universidade de Santiago de Compostela (USC). Comezaremos ás 9:00 horas coa recepción das persoas participantes e remataremos ás 15:00 horas co acto de clausura. Ao finalizar, ofreceremos un pequeno cóctel de despedida. A xornada está aberta a todas as persoas interesadas, aínda que está especialmente dirixida a profesionais do terceiro sector, profesionais do ámbito xurídico, así como a profesorado e alumnado de Dereito.

As inscricións están abertas ata o 23 de novembro, e para participar na xornada debes cubrir este formulario de inscrición.

A participación ten un custo de 5 euros, agás para as persoas vinculadas á USC, que estarán exentas do pagamento (tedes toda  a información sobre o pagamento no programa).

O prazo para realizar o pagamento tamén finalizará o luns 23 de novembro e o mércores 25 enviaremos un correo electrónico ás persoas inscritas para confirmar a súa participación e facilitarlles información adicional sobre o desenvolvemento da xornada.

Agardámosvos para seguir avanzando cara a unha xustiza máis accesible, comprensible e inclusiva!

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Reglamento (UE) 2016/679 RGPD y LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALLEGA DE ASOCIACIONES EN FAVOR DE LAS PERSONAS CON DISCAPACIDAD INTELECTUAL O DEL DESARROLLO), como responsable del tratamiento, tratará sus datos para promocionar su actividad y evaluar calidad de sus servicios. Podrá ejercitar los derechos de acceso, rectificación y supresión de los datos, entre otros, tal y como se explica en la información adicional que está a su disposición en el apartado de Política de Privacidad.