Ofrecemos un servizo de adaptación de documentos xudiciais a Lectura Fácil para garantir o acceso á Xustiza das persoas con discapacidade intelectual

Un novo recurso para garantir que toda persoa poida comprender a información legal que lle afecta.

Ofrecemos un servizo de adaptación de documentos xudiciais a Lectura Fácil para garantir o acceso á Xustiza das persoas con discapacidade intelectual

En FADEMGA Plena inclusión Galicia impulsamos un servizo especializado de adaptación de documentos xudiciais a lectura fácil, co obxectivo de que as persoas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou con dificultades de comprensión lectora poidan entender mellor a información legal que lles afecta.

Trátase dun recurso pioneiro en Galicia, desenvolvido en colaboración coa Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, que responde a unha obriga legal e, sobre todo, a un dereito das persoas: recibir comunicacións claras, comprensibles e accesibles.

 

Por que é necesario este servizo?

Tal e como recolle a normativa estatal (Lei 19/2013 e Lei 8/2021),  os operadores xurídicos teñen o deber de garantir que toda persoa comprenda a información que recibe.

A lectura fácil é unha metodoloxía que permite:

- Redactar textos claros, precisos e máis doados de entender.

- Asegurar que a persoa poida comprender un auto, unha comunicación ou un aviso procesual.

- Facilitar que participe de forma real no proceso xudicial que lle afecta.

O noso equipo non só adapta os documentos, senón que valida o resultado con persoas con discapacidade intelectual, garantindo que a información final é realmente accesible.

 

A quen vai dirixido?

Este servizo está pensado para profesionais da Xustiza que traballan no día a día con documentación legal e teñen contacto directo con cidadáns e cidadás:

- Maxistrados/as, para facilitar autos, sentenzas ou resolucións.

- Fiscais, cando teñen que explicar acusacións, informes ou outros escritos procesuais.

- Letrados/as da Administración de Xustiza (LAJs), encargados de notificacións, prazos e convocatorias.

- Persoal administrativo e equipos técnicos dos xulgados, que elaboran comunicacións, avisos ou documentos dirixidos a persoas usuarias.

- Avogados/as e outros operadores xurídicos, cando necesiten trasladar información complexa a persoas con dificultades de comprensión.

En resumo: calquera profesional que participe nun procedemento no que interveña unha persoa con discapacidade intelectual pode solicitar este servizo.

 

Como se pode solicitar?

Trátase dun proceso sinxelo e seguro:

- Detectar a necesidade. O órgano xudicial identifica que unha persoa con discapacidade intelectual participa no procedemento e pode precisar unha comunicación máis accesible.

- Contactar con FADEMGA Plena inclusión Galicia. A través do correo electrónico: accesibilidade@fademga.org

- Enviar a documentación orixinal. O órgano xudicial remite os textos que deben adaptarse.

- Adaptación e validación. O noso equipo adapta o documento a lectura fácil e valida os contidos con persoas con discapacidade intelectual.

- Entrega do documento adaptado. FADEMGA devolve o documento accesible ao órgano solicitante.

- Traslado á persoa interesada. O órgano xudicial entrégallo á persoa implicada no procedemento. (En todo o proceso garántese a protección dos datos das persoas implicadas.)

 

Un paso máis cara á Xustiza inclusiva

Con este servizo, FADEMGA reafirma o seu compromiso cunha Xustiza máis humana, accesible e comprensible, onde ninguén quede atrás por non entender a información que lle afecta.

Se es un profesional da Xustiza e precisas adaptar documentación a lectura fácil, estamos aquí para axudarche!

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.