O Concello de Lugo e FADEMGA Plena inclusión Galicia asinan un Convenio de colaboración para fortalecer a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual
FADEMGA Plena inclusión Galicia
31-01-2024FADEMGA Plena inclusión Galicia vén de asinar un convenio de colaboración co Excmo. Concello de Lugo para impulsar a inserción laboral das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento a través do Servizo de Información e Orientación Laboral (SIOL) e o Servizo de Apoio para o Emprego (SAE). Este acordo, dotado cunha subvención de 2.000 euros para o exercicio 2024, ten como obxectivo mellorar as oportunidades de emprego deste colectivo e promover a súa inclusión no mercado laboral.
O Servizo de Información e Orientación Laboral (SIOL) proporciona asesoramento personalizado a persoas con discapacidade intelectual, ofrecendo información sobre ofertas de emprego, formación e recursos dispoñibles. Pola súa banda, o Servizo de Apoio para o Emprego (SAE) traballa de maneira directa coas persoas para mellorar a súa empregabilidade, realizando itinerarios personalizados de inserción laboral e facilitando o contacto co tecido empresarial.
Desde FADEMGA Plena inclusión Galicia agradecemos a colaboración do Concello de Lugo e destacamos a importancia de sumar esforzos para garantir a plena inclusión das persoas con discapacidade intelectual na sociedade, apostando polo emprego como unha ferramenta clave para a súa autonomía e calidade de vida.
Seguiremos traballando para reforzar os recursos destinados a este fin e para consolidar proxectos que permitan avanzar cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.

