O 23º Encontro de Persoas Autoxestoras de Galicia reúne a 150 participantes baixo o lema “Rompendo barreiras, abrindo camiños”

A Federación aproveitou este encontro para presentar o novo "Consello de participación" un paso histórico cara unha voz máis directa e real das persoas con discapacidade intelectual.

O 23º Encontro de Persoas Autoxestoras de Galicia reúne a 150 participantes baixo o lema “Rompendo barreiras, abrindo camiños”

O Albergue Monte do Gozo acolleu este venres o 23º Encontro de Persoas Autoxestoras de Galicia, unha cita ineludible no calendario de actividades de FADEMGA Plena inclusión Galicia que este ano reuniu a preto de 150 persoas procedentes de entidades galegas da discapacidade intelectual.

Baixo o lema “Rompendo barreiras, abrindo camiños”, a xornada convertiuse nun espazo de diálogo e aprendizaxe compartida no que as persoas con discapacidade intelectual foron, unha vez máis, as auténticas protagonistas.

Un encontro para falar do que verdadeiramente importa

O presidente de FADEMGA Plena inclusión Galicia, Eladio Fernández, destacou na súa intervención inaugural que este encontro “non é só unha xornada formativa, senón un espazo para falar do que verdadeiramente importa”.

As persoas autoxestoras decidiron centrar os debates deste ano en catro temas clave para o seu futuro: o emprego, o carné de conducir, a familia e o futuro. “Cuestións esenciais para vivir con dignidade, participar na sociedade en igualdade de condicións e decidir sobre a propia vida”, afirmou Fernández.

Un novo espazo de participación: o Consello de Participación de FADEMGA

Durante o acto, o presidente anunciou a creación do “Consello de Participación” un novo órgano consultivo que estará formado por persoas con discapacidade intelectual das entidades federadas e que lles permitirá manter un diálogo directo coa Xunta Directiva da Federación e facer chegar as súas propostas e reivindicacións de maneira máis directa. Este novo espazo é o resultado dun traballo que vén de lonxe —dende 1999— e que dá resposta a unha demanda formulada polas persoas autoxestoras: contar con canles reais de participación e de diálogo coa administración e coa Federación.

O Consello, engadiu o presidente “servirá para representar tamén ás persoas con maiores necesidades de apoio, recoller as demandas das asociacións e avanzar cara a unha participación máis directa, máis forte e máis real”.

Un programa cheo de aprendizaxes

O programa do Encontro —que se desenvolveu ao longo de toda a xornada— incluíu diferentes relatorios e grupos de traballo:

• “Abrindo camiños de autonomía: requisitos e apoios para conseguir o carné de conducir”, con intervencións de David Llorente Rey, Xefe Provincial da Xefatura de Tráfico de Ourense, e Eva Muiño Gómez, coordinadora do Grupo de Tráfico do Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia.

• “Acceder ao emprego dende un centro: misión (im)posible?”, con Paula Álvarez, responsable de Emprego e Formación de FADEMGA, e Fran Rei, técnico de orientación laboral en A Coruña.

• A sesión da tarde, “O futuro é agora: tempo de falar, tempo de actuar”, contou con grupos de traballo formados por persoas autoxestoras, familias e profesionais de apoio.

O apoio institucional

A Directora Xeral de Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, participou no acto inaugural, onde subliñou o compromiso do Goberno galego co movemento asociativo da discapacidade intelectual “A Xunta de Galicia quere apoiarvos en todo o que precisedes, con plenitude e responsabilidade. Cremos que é necesario garantir que poidades acceder a todos os servizos e dereitos: á atención temperá, a unha educación inclusiva, ao emprego e ás prazas públicas, e tamén ao dereito a un lecer inclusivo. Seguiremos traballando nesa dirección”, asegurou Abeijón.

Xunto a ela, tamén nos acompañou Silvia Longueira, parlamentaria do PSdeG-PSOE, quen quixo sumarse ao encontro para trasladar o seu apoio ás persoas autoxestoras e poñer en valor o seu traballo constante pola defensa dos dereitos.

Rompendo barreiras, abrindo camiños

Con este 23º encontro, FADEMGA Plena inclusión Galicia continúa afianzando un proxecto iniciado hai máis de dúas décadas e que segue medrando grazas ao compromiso das persoas autoxestoras, das familias e dos profesionais. Un espazo que simboliza, como o lema deste ano, a forza das persoas que rompen barreiras e abren camiños cara a unha sociedade máis inclusiva, participativa e xusta.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.