No Día Internacional da Discapacidade, reivindicamos o papel das familias como motor do cambio
A Federación participou este mércores nun acto conxunto coas principais entidades do sector social
FADEMGA Plena inclusión Galicia
03-12-2025Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, FADEMGA Plena inclusión Galicia participou no acto institucional organizado por CERMI Galicia na Cidade da Cultura, un encontro no que se puxo en valor o traballo das entidades sociais e o papel fundamental das familias na construción dun futuro inclusivo.
Durante o evento, a nosa responsable de Familias, Carmela González Lagarón, participou nunha mesa redonda na que tamén estiveron representantes de ONCE, COGAMI, FAXPG e DOWN GALICIA. A través da súa intervención, Carmela trasladou unha mensaxe clara: "as familias foron, son e seguirán sendo un piar fundamental do movemento asociativo e da defensa dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual".
Asemade, Carmela dirixiu unha mensaxe de esperanza e fortaleza ás familias que se enfrontan por primeira vez ao diagnóstico dunha discapacidade: “Non estades soas. Os vosos fillos e fillas teñen por diante un camiño único e cheo de posibilidades. Con amor, paciencia e apoios adecuados, podedes descubrir as súas capacidades e celebrar cada avance. E, sobre todo, aproveitade todo o que xa construíron outras familias antes: collede eses recursos, facédeos vosos, mellorádeos e empuxádeos un paso máis”.
Compromisos institucionais da Xunta de Galicia
Durante o acto, a conselleira Fabiola García anunciou a posta en marcha dun Plan Estratéxico das Persoas con Discapacidade con horizonte 2030, co obxectivo de situar a Galicia como referente en inclusión e atención integral. Este plan será transversal, abranguendo ámbitos como a atención sociosanitaria, o emprego, a formación, o lecer e a vida comunitaria.
A conselleira avanzou tamén o impulso dunha Lei do Terceiro Sector Social en 2026, que reforzará o papel das entidades sociais como aliadas clave na defensa dos dereitos e na provisión de apoios ás persoas con discapacidade.
Fabiola García agradeceu o labor das entidades sociais e puxo en valor o papel das familias como primeiras defensoras dos dereitos: “Todos os avances dos últimos anos non serían posibles sen as familias e sen o tecido asociativo que construíron con esforzo e compromiso.”
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia celebramos este recoñecemento, pero tamén lembramos que queda moito por facer. A nosa participación neste acto institucional é unha oportunidade para seguir reclamando políticas públicas baseadas na realidade das persoas e das familias, que aposte por apoios estables, equitativos e suficientes.

