Nace o “Foro Galicia de Discapacidade”
Un novo espazo para garantir os dereitos e apoios das persoas con discapacidade en Galicia
FADEMGA Plena inclusión Galicia
24-10-2024Nun importante paso cara á mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade en Galicia, este mércores quedaba constituído o Foro Galicia de Discapacidade no Colexio Notarial da Coruña.
Trátase dunha iniciativa promovida pola Fundación Aequitas do Consello Xeral do Notariado e o Colexio Notarial de Galicia, co obxectivo de analizar a realidade das persoas con discapacidade e traballar na garantía dos seus dereitos, ofrecendo apoios e proteccións efectivas.
O evento contou coa participación de destacados representantes de diversas institucións e entidades, entre eles Dª Almudena Castro-Xirona e Dª Estefanía Vázquez Espiérrez, da Fundación Aequitas; Dª María José Gil Caballero, do Colexio Notarial de Galicia; e representantes de entidades do terceiro sector como FADEMGA Plena inclusión Galicia, CERMI e Down Galicia.
Tamén participaron o Maxistrado Delegado de Discapacidade en Galicia, Germán Serrano Espinosa; o Fiscal de Discapacidade delegado en Galicia, Santiago Miguel; D. Miguel Santalices presidente do Parlamento de Galicia; e membros da Xunta de Galicia, incluíndo ao director xeral de Xustiza, José Tronchoni, e a directora xeral de Persoas con Discapacidade, Begoña Abeijón.
OBXECTIVO DO FORO
Este foro nace co obxectivo de traballar de maneira colaborativa, abordando as necesidades e problemáticas que enfrontan as persoas con discapacidade e as súas familias.
Durante a súa intervención, Dona Pilar Paz, en representación de FADEMGA Plena inclusión Galicia, destacou a importancia da iniciativa e sinalou o compromiso da Federación para colaborar de forma activa, achegando experiencia e coñecemento sobre a realidade do colectivo, “Desde FADEMGA podemos achegar a nosa experiencia práctica, axudando a detectar aqueles aspectos que necesitan ser mellorados e propoñendo reformas lexislativas que reflictan as necesidades reais das persoas con discapacidade intelectual e as súas familias”.
Así mesmo, a representante da Federación tamén destacou o momento relevante no que se constitúe este Foro “Trátase dun momento importante, despois da aprobación da Lei 8/2021 do 2 de xuño, pola que se reforma a lexislación civil e procesual para o apoio ás persoas con discapacidade no exercicio da súa capacidade xurídica. Esta lei representa un cambio de paradigma, xa que deixa atrás o modelo de substitución na toma de decisións e avanza cara a un modelo baseado no apoio para que as persoas con discapacidade poidan exercer a súa capacidade xurídica de maneira plena e autónoma. É un avance lexislativo que recoñecemos con entusiasmo, pero que tamén expón importantes retos na súa implementación práctica. Este Foro pode darnos a oportunidade de coñecer e analizar como está a ser aplicada esta nova normativa, que desafíos están a xurdir e como podemos mellorar a súa aplicación para que sexa realmente efectiva.”

