Marcar o X Solidario na declaración da renda fai posible proxectos sociais sen pagar máis impostos

No 2024, 162 organizacións de acción social de toda Galicia levaron a cabo 733 proxectos que beneficiaron de xeito directo a un mínimo de 149.477 persoas

Marcar o X Solidario na declaración da renda fai posible proxectos sociais sen pagar máis impostos

As entidades do Terceiro Sector de Acción Social galego, representadas por EAPN Galicia, CERMI Galicia e Plataforma de Organizacións de Infancia de Galicia (POIG), reuníronse un ano máis co motivo do inicio da campaña da X Solidaria para intentar que máis galegas e galegos se sumen a marcar o cadro 106 de “Actividades de Interese Xeral consideradas de Interese Social”.

A Praza da Quintana en Santiago de Compostela acolleu o acto de rúa da presentación da campaña onde entidades e persoas beneficiarias fixeron un novo chamamento para que o financiamento económico que chega a través do 0,7% do IRPF continúe crecendo e así posibilite que as ONG poidan seguir prestando servizos e desenvolvendo programas dos que resultan beneficiarias milleiros de persoas.

A iniciativa, que contou coa colaboración do Colexio oficial de Arquitectos de Galicia, consistiu na elaboración dun X xigante cunha tea laranxa no medio da praza. A este acto sumáronse outros en localidades de Galicia como Vigo, Verín ou Lugo. Por outra banda, as entidades tamén animaron a todas aquelas persoas que xa están sensibilizadas a apoiar a difusión da campaña, que este ano chega ás redes coa etiqueta #FaiQuePase e #HazQuePase. A lectura do manifesto correu a cargo da directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia (POIG), Inés Salteiro, o presidente do CERMI Galicia, Ramón Sestayo e do directivo de EAPN-Galicia, Miguel Rodríguez.

En palabras de Ramón Sestayo “o escenario mundial que se presenta non parece esperanzador, e en tempos de crise as persoas en risco de pobreza adoitan a ser as mais afectadas. Decidir o que queremos que se faga cos nosos impostos é un dereito que non todo mundo pon en práctica, motivo polo que pedimoslle á sociedade que marque este recadro, contribuíndo así a mellorar a calidade de vida dos colectivos máis desfavorecidos”.

Inés Salteiro, directora da Plataforma de Organización de Infancia de Galicia (POIG), recalcou que “marcando o X Solidario, nin pagamos máis nin recibiminos menos, e podemos contribuír a realización de programas e proxectos, que poden mellorar a situación de milleiros de persoas”.

Finalmente, Miguel Rodríguez, directivo de EAPN-Galicia reclamou á Xunta de Galicia, responsable da regulación do procedemento de reparto de axudas, unha simplificación burocrática e unha única convocatoria “reclamámoslle que reduza a burocracia, que unifique todas as convocatorias nunha soa e que asegure a súa publicación a principios de ano”.

:: Un recadro que cada ano suma máis seguidores

Durante o 2024, a campaña recadou en Galicia 26.520.069 €, grazas a que 793.484 (o 53,63% do total de contribuíntes) marcaron o X Solidario na súa declaración, o que supón unha recadación de 33’42 € por persoa. Malia que o resultado dos datos é positivo, cun aumento da recadación de 2.490.581 € con respecto ao ano anterior, con 18.089 persoas máis marcando o recadro 106, aínda queda traballo por facer. Da totalidade dos contribuíntes, 686.173 seguen sen marcar o X Solidario (566.858 non marcaron ningún recadro e 119.315 só marcaron o da Igrexa). Se todos os galegos e galegas marcasen o X Solidario, a asignación final en Galicia sería de 44.053.850 € (17.533.781 € máis). A nivel estatal, a campaña da renda do ano pasado recadou 512.000.000 € grazas a que máis de 12.300.000 persoas marcaron o X Solidario na súa declaración, o que se traduce nun 52% do total das persoas declarantes.

:: Unha recadación que contribúe a unha transformación social

Os fondos colectados do pasado ano contribuíron a mellorar a calidade de vida da poboación máis vulnerable. Numerosos proxectos poñen o foco na inclusión socio laboral, no fomento da autonomía persoal, no envellecemento activo e prevención de dependencia, na participación activa na vida política e pública, na atención social individualizada ou na conciliación e mediación familiar, entre outros. Moitos dos programas dan resposta a novas necesidades derivadas das novas tecnoloxías, ofrecendo aprendizaxe en competencias dixitais, prevención de acoso nas redes, ou detección e actuación ante discursos de odio, axudando a pechar a fenda dixital e educativa.

Dende as entidades de acción social galegas queremos recordar que marcando o X Solidario, o recadro de Fins Sociais, nin se paga máis nin se recibe menos cartos no caso de devolución e, como contrapartida, contribuímos á realización de programas e proxectos para as persoas en risco de exclusión que máis o precisan.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.