Laboratorio do benestar: nova convocatoria
Unha iniciativa chamada a promover accións de fortalecemento da saúde mental
FADEMGA Plena inclusión Galicia
02-03-2026FADEMGA Plena inclusión Galicia abre unha nova convocatoria do Laboratorio do Benestar, unha iniciativa orientada a promover accións de fortalecemento da saúde mental e do benestar emocional das persoas con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento.
O Laboratorio do Benestar nace como un espazo onde cada persoa pode investigarse, coñecerse mellor e comprender como se relaciona consigo mesma e coas demais persoas.
No laboratorio traballaranse aspectos fundamentais como:
- A maneira en que cada persoa se manexa nas relacións interpersoais.
- A xestión das emocións.
- A afronta dos conflitos.
Estes factores psicolóxicos e sociais son claves no benestar emocional. As persoas con discapacidade intelectual e/ou do desenvolvemento poden atopar maiores dificultades nestes ámbitos, o que ás veces actúa como factor de risco ante posibles trastornos da saúde mental. Por iso, dende FADEMGA apostamos por intervir antes, acompañar mellor e fortalecer capacidades, promovendo contornas que favorezan a prevención e o desenvolvemento persoal.
Apostando pola saúde mental como prioridade
Con esta nova convocatoria, FADEMGA reafirma o seu compromiso cunha visión integral do apoio ás persoas con discapacidade intelectual: non abonda con garantir dereitos, é necesario tamén coidar o benestar emocional e a saúde mental.
O Laboratorio do Benestar é unha invitación a explorar, comprender e fortalecer. Un paso máis cara a unha vida con máis autonomía, máis seguridade persoal e máis oportunidades de relación saudable.
Inscricións, prazos e información
Aquelas entidades interesadas en participar, debedes cubrir este formulario.
O prazo para amosar interese remata o 13 de marzo.
Neste dosier podedes atopar toda a información sobre a actividade.
Se tedes calquera dúbida sobre a actividade, podedes contactarnos chamando ao 981 51 96 50 ou escribindo a areasocial@fademga.org

