Familias de persoas con discapacidade intelectual reúnense en Santiago para facer valer a súa voz
Un encontro para sumar voces e construír futuro desde o apoio mutuo e a reivindicación colectiva
FADEMGA Plena inclusión Galicia
28-06-2025Preto de 100 familiares de persoas con discapacidade intelectual déronse cita hoxe no Hotel Los Abetos, en Santiago, no marco do Encontro de Familias organizado por FADEMGA Plena inclusión Galicia.
Baixo o lema “Un camiño compartido”, a xornada converteuse nun espazo de diálogo, reflexión e forza colectiva arredor da defensa dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual e da importancia de darlles voz no marco das familias e das organizacións.
O acto inaugural contou coa participación de representantes institucionais, entre elas a directora xeral de Discapacidade da Xunta de Galicia, Begoña Abeijón, a deputada do Grupo Parlamentario do BNG, Ariadna Fernández e a deputada polo PSdGa-PSOE, Patricia Iglesias.
“Esta xornada é un acto de forza social”
O presidente de FADEMGA, Eladio Fernández, abriu a xornada lembrando que “as familias estamos aquí para escoitarnos mutuamente”. Pero tamén fixo un chamado firme á Administración: “Esta xornada non é só un espazo de encontro, é un acto de forza social. É a nosa maneira de dicirlle á sociedade que existe un colectivo organizado, con voz propia. Somos o colectivo máis representativo que xestiona prazas públicas, polo que queremos —e debemos— esixir que a Administración nos escoite e nos dea resposta. Grazas ao esforzo das entidades, estamos a sacar adiante máis de 7.000 prazas de residencia, pero non podemos seguir vivindo baixo a espada de Damocles sen saber que futuro nos agarda”.
Apoio institucional e compromiso político
Desde o Grupo Parlamentario Socialista, a deputada Patricia Iglesias Rey subliñou a importancia de reforzar a voz do movemento asociativo: “É fundamental reivindicar o papel das entidades. Desde o PSdeG apoiamos as demandas de FADEMGA co firme compromiso de sumar esforzos para mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade intelectual. Apostamos por un modelo centrado na persoa, polo emprego inclusivo, a educación inclusiva, o traballo digno... E queremos lembrar que o concerto social non é un contrato: a súa finalidade é social”. Tamén quixo trasladar o seu apoio Ariadna Fernández, deputada do BNG: “Precisamos políticas e actitudes de cambio. Desde o BNG tedes o noso apoio para seguir avanzando”.
En representación da Xunta de Galicia, a directora xeral de Discapacidade, Begoña Abeijón, agradeceu o convite e recoñeceu o valor das familias: “Este é un dos actos máis significativos que organiza FADEMGA. Ás familias quero dicirvos: grazas por ter a valentía de defender os dereitos dos vosos familiares. Pídovos que sigades marcándonos o camiño a seguir, porque nós seguiremos apostando pola atención temperá, a educación inclusiva, o emprego público e os espazos accesibles para que as persoas con discapacidade intelectual vivan a vida que elixan vivir”.
Voces que importan e apoio emocional
O programa da xornada desenvolveuse arredor de dúas grandes liñas temáticas: dar voz ás persoas con discapacidade intelectual e acompañar ás familias ao longo de todo o ciclo vital.
A mesa redonda “Voces que importan” contou coa participación de Carmen Márquez, experta en conduta e ética, así como dos autoxestores Jesús Cabo e Alberto Seoane, que puxeron voz ás reivindicacións do colectivo desde a primeira persoa.
Xa na segunda parte, a sesión “Acompañando ás familias”, contamos coa participación de Laura Fernández e Isabel Fragueira, presidenta e secretaria da entidade “Redeiras Solidarias”, que afondaron na importancia dos apoios emocionais en momentos clave da vida familiar.

