FADEMGA súmase á campaña ‘Sen familias non hai inclusión’ polo Día Internacional da Discapacidade

O 3 de decembro conmemoramos o Día Internacional das Persoas con Discapacidade

FADEMGA súmase á campaña ‘Sen familias non hai inclusión’ polo Día Internacional da Discapacidade

Con motivo do Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que se celebra cada 3 de decembro, Plena inclusión pon en marcha unha nova campaña de sensibilización baixo o lema ‘Sen familias non hai inclusión’, coa que se busca visibilizar a realidade das familias de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e reclamar que se garanta plenamente o seu recoñecemento e protección na futura Lei de Familias.

A campaña subliña o papel esencial que teñen as familias, que sosteñen a diario unha parte moi significativa dos apoios necesarios para garantir a calidade de vida e a inclusión das súas fillas e fillos con discapacidade intelectual.

Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia, sumámonos a esta iniciativa para reivindicar o dereito das familias a seren recoñecidas como suxeitos de dereito, e para esixir que a nova Lei de Familias teña en conta de forma específica e explícita ás familias coidadoras de persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento.

Entre as demandas principais da campaña destacan:

- Recoñecemento legal das familias coidadoras como suxeitos de dereitos.

- Medidas efectivas de conciliación laboral e familiar, adaptadas á realidade deste tipo de coidados.

- Compensacións para aquelas persoas que dedicaron a súa vida ao coidado, moitas veces sen cotizar nin recibir ningún tipo de recoñecemento económico ou social.

Dende Plena inclusión anímase a todas as familias e entidades do movemento asociativo a participar activamente nesta campaña, compartindo os seus mensaxes en redes sociais baixo a etiqueta: #SenFamiliasNonHaiInclusión

Participación de FADEMGA no acto do CERMI Galicia

Ademais de sumarnos a esta campaña de reivindicación polo Día Internacional das Persoas con Discapacidade, desde FADEMGA Plena inclusión Galicia participaremos tamén no acto organizado polo CERMI Galicia na Cidade da Cultura. No encontro, a nosa responsable de Familias, Carmela González Lagarón, intervirá nunha mesa redonda na que tamén estarán representadas ONCE, COGAMI, FAXPG e DOWN GALICIA. Será unha ocasión para poñer en valor, de maneira compartida, a evolución do noso movemento grazas ao impulso constante das familias, que ao longo dos anos teñen sido motor de cambio, defensa de dereitos e construtoras dunha sociedade máis inclusiva.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.