FADEMGA reforza a súa alianza co SERGAS para garantir o emprego público para persoas con discapacidade intelectual

Gómez Caamaño subliñou o compromiso da Xunta coa inclusión real e efectiva das persoas con discapacidade intelectual

FADEMGA reforza a súa alianza co SERGAS para garantir o emprego público para persoas con discapacidade intelectual

FADEMGA Plena inclusión Galicia vén de renovar o convenio de colaboración co Servizo Galego de Saúde (SERGAS) e a Consellería de Sanidade, nun acto institucional celebrado no Edificio Administrativo de San Lázaro.

Este acordo, que FADEMGA mantén activo desde 2016, forma parte dunha liña de traballo conxunta que está permitindo avances reais e medibles na inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual no sistema público de saúde. Grazas a esta colaboración, 76 persoas con discapacidade intelectual usuarias de FADEMGA ocupan xa postos de traballo dignos e adaptados nas distintas categorías ofertadas polo SERGAS, o que representa máis do 80% das prazas cubertas nos procesos rematados ata a data.

O acto contou coa participación do conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, e da directora xeral de Recursos Humanos do SERGAS, Mar Pousa.

Pola súa banda, o presidente de FADEMGA, Eladio Fernández, puxo en valor o esforzo colectivo que fai posible esta realidade: “Hoxe non falamos só de prazas; falamos de dereitos e de oportunidades reais de vida. Detrás de cada contrato hai unha persoa cun proxecto, cun talento e cunha ilusión que merece ser recoñecida e acompañada”.

A formación accesible e o acompañamento, claves do modelo

FADEMGA subliñou que o éxito deste modelo non sería posible sen unha aposta firme pola formación accesible, a adaptación dos procesos selectivos e o acompañamento individualizado das persoas participantes. Desde o inicio deste camiño, máis de 354 persoas foron preparadas en 30 grupos formativos organizados nas catro provincias galegas, grazas ao compromiso das entidades membro da Federación. “A inclusión non consiste só en abrir unha porta: consiste en asegurar que todas as persoas poidan pasar por ela”, lembrou Eladio Fernández, quen tamén destacou a importancia de continuar colaborando co SERGAS na difusión das ofertas de emprego, a adaptación das convocatorias e a formación do persoal sanitario que traballa man a man cos novos empregados públicos.

Resultados que transforman vidas

Desde 2016, o SERGAS reservou 245 prazas para persoas con discapacidade intelectual, das cales 140 xa foron cubertas en categorías como celador, técnico en coidados auxiliares de enfermería, técnico en farmacia, pinche e persoal de servizos xerais. Un exemplo concreto é o de Adrián Andrade Lorenzana, celador no Hospital Clínico de Santiago, quen compartiu a súa experiencia persoal durante o acto. Testemuñas coma a súa poñen rostro e voz ao impacto real dunha política de inclusión que non se queda no papel, senón que transforma vidas e fortalece o servizo público. Desde FADEMGA, reafirmamos a nosa vontade de seguir traballando da man do SERGAS para que Galicia avance cara a unha administración pública máis inclusiva, diversa e xusta, onde as persoas con discapacidade intelectual poidan traballar, medrar e contribuír dende a súa valía, non dende a súa diferenza.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.