FADEMGA recibe unha axuda de 3.000 euros do Concello de Lugo para reforzar os servizos de emprego
FADEMGA Plena inclusión Galicia
24-09-2026FADEMGA Plena inclusión Galicia participou no encontro celebrado no Concello de Lugo con motivo da sinatura dos convenios de colaboración coas entidades sociais do municipio, a través dos cales a Federación volve recibir unha subvención de 3.000 euros.
Esta achega económica está destinada a apoiar o desenvolvemento do Servizo de Información e Orientación Laboral e do Servizo de Apoio ao Emprego que FADEMGA ofrece en Lugo para favorecer a inclusión laboral das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
A través destes servizos, a Federación traballa para mellorar as oportunidades de acceso ao emprego, ofrecendo orientación, acompañamento e apoios adaptados ás necesidades de cada persoa. O encontro tamén serviu para poñer en valor a colaboración entre o Concello e o tecido asociativo, así como para anunciar a próxima convocatoria de axudas de concorrencia competitiva destinadas ás entidades sociais.
Desde FADEMGA destacamos a importancia de contar co apoio das administracións públicas para dar continuidade a servizos que contribúen a eliminar barreiras, promover a autonomía persoal e garantir a igualdade de oportunidades no acceso ao mercado laboral.

