FADEMGA Plena inclusión Galicia súmase á campaña da Plataforma do Terceiro Sector para reclamar a reforma urxente da Lei de Desindexación
Trátase dunha Lei que impacta gravemente na sustentabilidade das entidades sociais.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
18-06-2025FADEMGA Plena inclusión Galicia apoia a campaña promovida pola Plataforma do Terceiro Sector baixo o lema «Máis sustentabilidade, mellores servizos», que reclama a modificación urxente da Lei de Desindexación da Economía Española debido ao seu grave impacto na sustentabilidade das entidades sociais.
A normativa actual impide a revisión de prezos nos contratos de servizos e concertos sociais, obrigando ás entidades a manter os mesmos importes durante toda a vixencia do contrato, independentemente do contexto económico. Esta realidade está a provocar situacións de déficit económico, especialmente nun escenario marcado pola inflación, e compromete a continuidade de servizos esenciais que se prestan en colaboración coas administracións públicas.
Reforma por razóns de interese social
A campaña promove unha actualización lexislativa que contemple a eliminación da desindexación nos contratos e concertos públicos relacionados cos servizos sociais que realizan entidades do Terceiro Sector. Tamén propón a revisión periódica dos custos unitarios dos servizos, en casos de circunstancias sobrevidas, por razóns de interese social. Así mesmo, a proposta inclúe a implantación de mecanismos que garantan a estabilidade económica das entidades sociais, evitando que os efectos negativos da normativa actual recaian sobre a súa viabilidade.
O Terceiro Sector, un aliado esencial
Dende a Plataforma do Terceiro Sector lémbrase que estas entidades desenvolven un papel esencial na garantía dos dereitos e no benestar da cidadanía, converténdose en aliadas estratéxicas da administración para a cohesión social. En moitas ocasións, chegan onde os servizos públicos non teñen capacidade de actuación, asegurando o acceso a prestacións fundamentais para milleiros de persoas.
O Terceiro Sector en España está composto por máis de 28.000 entidades que representan o 1,44% do PIB e empregan de maneira remunerada ao 3,4% do persoal do mercado laboral. Cada ano, estas organizacións realizan máis de 47 millóns de intervencións directas e canalizan a solidariedade de preto de 4 millóns de persoas voluntarias.
FADEMGA: compromiso coa defensa do sector
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia sumámonos a esta reivindicación e pedimos unha pronta resposta por parte do Goberno que garanta a sustentabilidade das entidades sociais e, sobre todo, a calidade e continuidade dos servizos que prestamos a milleiros de persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias en Galicia.
Máis información en: www.plataformatercersector.es

