FADEMGA Plena inclusión Galicia renova a súa Xunta Directiva e da a benvida a unha nova entidade federada

A Federación impulsa a súa capacidade de acción con novos liderados e a expansión da súa rede territorial

FADEMGA Plena inclusión Galicia renova a súa Xunta Directiva e da a benvida a unha nova entidade federada

FADEMGA Plena inclusión Galicia celebrou este sábado a súa Asemblea Xeral Ordinaria, unha cita clave para marcar o rumbo da organización e continuar fortalecendo o seu proxecto asociativo en defensa dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e das súas familias. Durante a Asemblea, aprobáronse por unanimidade a Memoria de Actividades do 2024, así como o orzamento e o Plan de Acción que recolle as prioridades estratéxicas da Federación para o vindeiro ano.

A sesión contou tamén cun momento especialmente significativo: a renovación da Xunta Directiva, órgano clave na gobernanza de FADEMGA. Neste novo período renóvase a confianza en Eladio Fernández, que continuará desempeñando o cargo de presidente da Federación, e deuse a benvida a unha nova incorporación, Pedro Menéndez Ponte, que achegará a súa experiencia e visión como membro da entidade de ASPRONAGA (A Coruña), en substitución de Marcelo de la Cruz, a quen a Xunta Directiva agradeceu a súa implicación e traballo durante tantos anos.

Así mesmo, oficializouse a entrada dunha nova entidade federada, APERTAS, de Burela, que dende agora pasa a formar parte activa da rede de entidades que conforman FADEMGA Plena inclusión Galicia. Con esta incorporación, a Federación continúa medrando e ampliando a súa presenza no territorio galego, consolidando un movemento asociativo diverso, unido e comprometido a través da rede de 42 entidades federadas.

Dende FADEMGA valoramos moi positivamente esta xornada, na que se puxo de manifesto, unha vez máis, a capacidade do noso movemento para avanzar colectivamente, dende a participación e o consenso, na construción dunha Galicia máis inclusiva, xusta e accesible para todas as persoas.

:: Composición da Xunta Directiva

Dende hoxe e durante os vindeiros 4 anos a Xunta Directiva queda composta por:

- Eladio Fernández, como presidente.

- Carmen Taboada, como vicepresidenta.

- Miguel López, como secretario.

- Pedro Menéndez, como vicesecretario.

- Rocío Estévez, como tesoureira.

- José Manuel Carballo, como vogal.

- Carmela Gonzalez, como vogal

- Javier Rodríguez, como vogal.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.