FADEMGA Plena inclusión Galicia premia a máis de 40 persoas por superar o curso de adquisición de competencias dixitais

FADEMGA Plena inclusión Galicia premia a máis de 40 persoas por superar o curso de adquisición de competencias dixitais
imaxe de
19-02-2024

A pasada semana o equipo de transformación dixital para a inclusión realizou un recoñecemento ao alumnado por completar os módulos tecnolóxicos previstos.

O pasado 18 de setembro comezaron as formacións en competencias dixitais para persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento nos concellos da Coruña, Oleiros, Santiago de Compostela e Vigo. Trátase dunha iniciativa que FADEMGA Plena inclusión Galicia levou a cabo xunto con Plena Inclusión España co obxectivo de reducir a fenda dixital no colectivo. Do mesmo modo, este curso enmárcase dentro do proxecto de Transformación Dixital para a Inclusión, onde tamén se executaron outros plans de acción dirixidos a evitar que a dixitalización deixe a ningún colectivo atrás. Este proxecto susténtase cos fondos Next Generation da Unión Europea, o Goberno de España e o Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.

As competencias tecnolóxicas que se ensinan no curso están recollidas no Marco DigComp2.2, modelo de competencia dixital europeo e contou cun total de 60 horas de formación nas que 45 alumnos e alumnas aprenderon cousas tan necesarias para a súa vida cotiá coma manexar as computadoras, navegar por Internet ou utilizar o correo electrónico. Estes recursos supoñen unha importante axuda para as persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, pois esta adquisición de coñecementos lles permitirá adaptarse máis doadamente a unha sociedade cada vez más dixital e a ter novas oportunidades laborais.

Neste sentido, na última xornada formativa a Federación apreciou o compromiso e dedicación que demostraron os catro grupos durante estes meses. Así, o alumnado recibiu un diploma de superación e unha orla que recoñece a esta primeira promoción do curso, ademais dalgunhas sorpresas, como unha pequena festa animada de despedida nas que compartiron momentos de risas e emoción.

 

Fai un comentario