Renovamos convenio coa Xunta de Galicia para facilitar o acceso das persoas con discapacidade intelectual á Xustiza
A colaboración permitirá adaptar documentos xudiciais a lectura fácil para garantir un acceso igualitario.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
06-06-2025A Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes da Xunta de Galicia e FADEMGA Plena inclusión Galicia vimos de renovar o noso convenio de colaboración destinado a adaptación de documentos xudiciais a lectura fácil. Esta iniciativa busca garantir que as persoas con discapacidade intelectual, do desenvolvemento ou con dificultades de comprensión lectora poidan exercer os seus dereitos en igualdade de condicións dentro do sistema xudicial.
O convenio, asinado o pasado 4 de xuño, contempla unha achega económica máxima de 20.000 euros por parte da Consellería, coa que se financiarán servizos de adaptación e validación de documentos, actividades de difusión e gastos de xestión do proxecto. FADEMGA será a entidade encargada de levar a cabo estas tarefas, continuando así cun labor pioneiro e necesario no ámbito da accesibilidade cognitiva.
Un sistema xudicial máis comprensible
O proxecto permitirá que calquera órgano xudicial galego poida solicitar a adaptación a lectura fácil dos documentos relacionados con procedementos nos que participen persoas con discapacidade intelectual. As adaptacións serán realizadas por persoal especializado de FADEMGA e validadas por persoas con discapacidade intelectual, garantindo así a súa comprensibilidade real. Este proceso baséase na Norma UNE 153101 de Lectura Fácil e comprende dúas fases fundamentais: a adaptación técnica dos documentos e a súa validación por parte de usuarios finais. O resultado son documentos máis sinxelos, accesibles e adaptados ás necesidades de comprensión das persoas destinatarias.
Asemade, a iniciativa está plenamente aliñada coa Convención dos Dereitos das Persoas con Discapacidade da ONU, que no seu artigo 13 recoñece o dereito de acceso á xustiza en igualdade de condicións. Tamén responde ao marco normativo autonómico, como a Lei galega de accesibilidade 10/2014, que impulsa o uso da lectura fácil como ferramenta clave para a inclusión.
Continuamos avanzando en igualdade
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia celebramos a renovación deste acordo, que reforza unha liña de traballo estratéxica para a entidade: eliminar barreiras cognitivas e construír unha sociedade máis accesible para todas as persoas e consolida a nosa Comunidade como referente no impulso dun sistema de xustiza inclusivo, onde ningunha persoa quede atrás por non entender a linguaxe ou os procedementos legais.

