FADEMGA Plena inclusión Galicia convoca o 4º Certame de relato curto
Unha iniciativa que busca dar visibilidade ao talento das persoas con discapacidade intelectual
FADEMGA Plena inclusión Galicia
26-03-2026En FADEMGA Plena inclusión Galicia volvemos apostar pola creatividade, a lectura e a escritura como ferramentas de expresión, participación e visibilidade.
Por iso, abrimos a convocatoria do 4º Certame de relato curto, unha iniciativa que busca poñer en valor o talento das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e seguir creando espazos nos que as súas voces conten, emocionen e brillen con luz propia.
Este certame ten como obxectivo fomentar a lectura e a escritura, ao tempo que damos protagonismo ás historias, ideas e miradas das persoas participantes. Nesta cuarta edición, os relatos deberán xirar arredor da lectura ou do Día das Letras Galegas, dúas portas abertas á imaxinación e á creación literaria.
Poden participar persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento de entidades federadas ou non federadas. Ademais, poderán contar co apoio dun ou dunha profesional, familiar, amizade ou persoa voluntaria durante o proceso de elaboración.
CATEGORÍAS E PRAZO
O certame contará con dúas categorías:
Categoría A, para relatos individuais, e Categoría B, para relatos grupais, cun máximo de 4 persoas.
Os relatos deberán estar escritos en galego, a ordenador, levar un título e presentarse asinados cun pseudónimo.
Ademais, terán que ser orixinais, é dicir, non poderán terse presentado noutros certames.
No caso da categoría A, a extensión será dun mínimo de 3 carillas e un máximo de 5.
Na categoría B, os relatos deberán ter entre 6 e 10 carillas.
O prazo para participar estará aberto ata o 8 de maio de 2026.
PREMIOS
En canto aos premios, estableceranse dous recoñecementos por categoría.
Na Categoría A, o primeiro premio consistirá en material por valor de 75 euros e o segundo en material por valor de 50 euros.
Na Categoría B, o primeiro premio será material por valor de 150 euros e o segundo, material por valor de 100 euros.
FADEMGA poñerase en contacto coas persoas gañadoras para ofrecerlles distintas opcións de páxinas web de papelería ou lectura, co fin de que poidan escoller o material que desexen dentro do valor do premio.
COMO PRESENTAR OS RELATOS?
Para presentar os relatos, deberá introducirse nun sobre o texto orixinal, asinado co pseudónimo e indicando a categoría na que participa.
Dentro dese mesmo sobre deberá incluírse outro sobre pechado cos datos da persoa autora ou das persoas autoras: nome e apelidos, entidade á que pertencen e teléfono de contacto.
Este segundo sobre só se abrirá unha vez seleccionados os relatos gañadores.
Os traballos deberán enviarse por correo postal ao seguinte enderezo:
FADEMGA Plena inclusión Galicia “Cuarto Certame de relato curto” Vía Pasteur, nº 53-B, Polígono do Tambre Santiago de Compostela, 15890 (A Coruña)
XURADO
O xurado estará composto por persoas da xunta directiva de FADEMGA Plena inclusión Galicia e profesionais da propia Federación.
Os relatos gañadores daranse a coñecer o 17 de maio de 2026 a través da nosa páxina web e das redes sociais.
DESCARGA
Nesta ligazón podes descargar o cartel do Certame así como as bases do mesmo.
Dende FADEMGA animámosvos a participar nesta nova edición e a encher de historias un certame que xa é unha pequena gran cita coa creatividade.
Porque cada relato conta, e cada voz suma!
Para máis información, podedes chamar ao 981 51 96 50 e preguntar por Irene Fandiño, ou escribir ao correo accesibilidade@fademga.org

