FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra os avances anunciados pola Xunta no Día Internacional das Persoas con Discapacidade
Visibilidade e empoderamento: mulleres do colectivo alzan a súa voz no Día Internacional das Persoas con Discapacidade
FADEMGA Plena inclusión Galicia
03-12-2024O CERMI Galicia celebrou este luns o acto conmemorativo con motivo do Día das Persoas con Discapacidade, un acto que este ano estivo centrado na visibilización das diferentes realidades de mulleres con discapacidade.
Entre as participantes neste proxecto atopábanse Alba Chao e Encarna Rodeiro, usuarias da asociación ASPAS, que representaron a FADEMGA Plena inclusión Galicia no vídeo dando un exemplo inspirador de empoderamento e compromiso coa loita pola igualdade e a visibilidade das mulleres no ámbito da discapacidade.
Durante o transcurso do acto, a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, destacou a colaboración fundamental das entidades sociais e anunciou que “o Goberno galego elaborará o próximo ano un protocolo específico para a atención a mulleres con discapacidade vítimas de violencia de xénero, establecendo medidas concretas para a súa prevención, detección e atención”.
Asemade, entre os compromisos mencionados, a conselleira subliñou a creación de novas prazas públicas para persoas con discapacidade en 2025, incluíndo unha residencia para persoas con trastornos do espectro autista en Friol, e a ampliación da rede de atención temperá, que actualmente atende máis de 5.000 nenos e nenas en Galicia. Tamén avanzou iniciativas para consolidar un sistema educativo máis inclusivo, facilitar o acceso ao mercado laboral e ampliar as opcións deportivas, culturais e de lecer accesibles.
“NON SOMOS INVISIBLES”
Neste 3 de decembro, dende FADEMGA Plena inclusión Galicia unímonos á reinvindicación do CERMI, reafirmando o noso compromiso coa construción dun mundo onde as mulleres e nenas con discapacidade sexan recoñecidas como lideresas e axentes de cambio, libres de discriminación, violencia e exclusión. A pesar dos avances significativos na loita pola igualdade entre mulleres e homes e en favor das persoas con discapacidade, aínda existen desafíos críticos que requiren dunha atención urxente e de accións decididas.
As mulleres con discapacidade enfrontan obstáculos significativos no mercado laboral, non só por prexuízos sobre as súas capacidades, senón tamén pola interacción entre estas percepcións e estereotipos de xénero, así como pola falta de adaptacións e apoios necesarios. Isto tradúcese en taxas de emprego máis baixas, condicións laborais precarias e segregación ocupacional. A discriminación interseccional complica tamén o seu acceso a servizos de saúde adecuados, incluída a información e atención relacionadas coa saúde sexual e reprodutiva. As barreiras inclúen non só a accesibilidade física, cognitiva e á comunicación, senón tamén prexuízos e falta de preparación do persoal de saúde para atender de maneira inclusiva e respectuosa.
Asemade, a representación das mulleres con discapacidade intelectual en espazos políticos e sociais é moi limitada, por iso é fundamental promover a súa inclusión activa para asegurar que as súas perspectivas e necesidades sexan consideradas na toma de decisións. As barreiras na educación para nenas e mulleres con discapacidade son, así mesmo, un claro exemplo de discriminación. Estas barreiras limitan o acceso a oportunidades educativas inclusivas e de calidade, restrinxindo así o desenvolvemento persoal e profesional.
Para abordar estes desafíos, é crucial unha estratexia integral que inclúa políticas públicas dirixidas a eliminar todo tipo de barreiras; promover a igualdade de xénero e o empoderamento das mulleres con discapacidade; garantir o seu acceso real e efectivo á xustiza; mellorar a inclusión no mercado laboral e asegurar a súa participación en todos os aspectos da vida social, económica, e política.
A colaboración entre o Goberno, as organizacións da sociedade civil, e as propias mulleres con discapacidade organizadas é fundamental para avanzar cara a unha sociedade máis inclusiva e equitativa.
Aquí podes ver o vídeo conmemorativo dste ano:

