FADEMGA Plena inclusión Galicia celebra a 19ª edición do seu Seminario de Discapacidade Intelectual e Saúde Mental, cun foco especial no benestar emocional
Un xardín de ideas e alianzas para seguir cultivando benestar emocional, apoio e inclusión.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
21-11-2025FADEMGA Plena inclusión Galicia celebrou hoxe unha nova edición do Seminario de Discapacidade Intelectual e Saúde Mental, que alcanza xa a súa 19ª edición, consolidándose como un dos encontros de referencia en Galicia para profesionais, entidades sociais, familias e estudantado.
Baixo o lema desta edición –centrada no benestar emocional e a súa influencia nas persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento, así como nas familias e nos equipos profesionais–, a xornada tivo lugar na Facultade de Psicoloxía da USC, converténdose un ano máis nun espazo de encontro, aprendizaxe e coidado compartido.
Inauguración institucional: compromiso común coa saúde mental e a inclusión
O acto inaugural contou coa participación de Almudena Díaz Pereira, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental da Xunta de Galicia, Mari Carmen Pomar Tojo, deputada do PP no Parlamento de Galicia, Ramón Sestayo, presidente de CERMI Galicia e Carmen Taboada, vicepresidenta de FADEMGA Plena inclusión Galicia.
Durante a súa intervención, a deputada Mari Carmen Pomar destacou o valor deste encontro e lembrou que actualmente preside a Comisión non Permanente de Discapacidade do Parlamento de Galicia, unha comisión que —tal e como indicou— "estamos traballando para que pase a ser permanente, reforzando así o compromiso político coa discapacidade". Pomar empregou unha imaxe evocadora para definir o espírito da xornada: “Este seminario, como a súa propia imaxe indica, é un xardín florido no que están representadas a diversidade e a inclusión”.
Pola súa banda, Almudena Díaz, subdirectora xeral de Atención á Saúde Mental, puxo o foco no impacto decisivo da saúde mental na vida das persoas con discapacidade intelectual: “Sabemos que o benestar emocional das persoas con discapacidade intelectual inflúe na súa calidade de vida, na súa participación social, na súa autonomía e incluso na súa saúde física. Por iso debemos percibir a saúde mental como unha parte esencial do proxecto de vida de cada persoa”. “Este tipo de encontros permítennos avanzar cara modelos de apoio verdadeiramente centrados na persoa, ao tempo que fortalecemos lazos entre institucións, profesionais e entidades sociais. Algo esencial para que ninguén quede atrás”.
Un encontro que medra, evoluciona… e segue facendo comunidade
Tras case dúas décadas de percorrido, o seminario continúa a ser un espazo imprescindible onde o coñecemento científico e a experiencia práctica camiñan da man, impulsando avances fundamentais para situar o benestar emocional no corazón das políticas, dos servizos e da vida das persoas.
Dende FADEMGA Plena inclusión Galicia lembramos que non pode haber inclusión plena sen saúde mental, nin sen redes de apoio que acompañen con humanidade, rigor e calidez.

