Novo seminario para familias sobre educación sexual en persoas con discapacidade intelectual

As sesións, que se celebrarán os días 17 e 24 de novembro e o 3 de decembro, estarán impartidas pola psicóloga e sexóloga Natalia Rubio.

Novo seminario para familias sobre educación sexual en persoas con discapacidade intelectual

Co obxectivo de seguir acompañando ás familias no proceso de educación afectivo-sexual das persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento, FADEMGA Plena inclusión Galicia pon en marcha unha nova edición do seminario online sobre educación sexual para familiares, en colaboración coa Consellería de Política Social e Igualdade da Xunta de Galicia.

Trátase dunha proposta formativa que dá continuidade ao traballo iniciado no 2023 co especialista Carlos de la Cruz, e que busca dotar ás familias de ferramentas e habilidades prácticas para axudar ás persoas con discapacidade a coñecerse, aceptarse e expresar a súa sexualidade dun xeito que lles xere benestar.

Estrutura e contidos

O seminario consta de 3 sesións online, dunha hora e media de duración cada unha, que se desenvolverán a través da plataforma TEAMS.

As familias poderán escoller horario de mañá (de 11:00 a 12:30) ou de tarde (de 16:30 a 18:00).

As datas previstas son:

- Sesión 1: Luns, 17 de novembro. 

- Sesión 2: Luns, 24 de novembro. 

- Sesión 3: Mércores, 3 de decembro

Os contidos abordaranse desde un enfoque práctico, centrado en temas de grande interese para o ámbito familiar, como “as relacións de parella” e “as redes sociais”.

A formadora

A encargada de impartir o seminario será Natalia Rubio Arribas, psicóloga, sexóloga, pedagoga e mestra de educación especial. É cofundadora da Asociación estatal “Sexualidad y Discapacidad” e directora do Máster en Sexoloxía a Distancia da Universidade Camilo José Cela ata 2024. Rubio conta cunha ampla traxectoria en educación sexual, terapia de parella e igualdade de xénero, e é coautora, xunto con Carlos de la Cruz, do libro “En el plural de las sexualidades” (2012).

Inscrición e requisitos

A participación é gratuíta, pero é necesario cubrir o formulario de inscrición online antes do 12 de novembro de 2025.

As persoas inscritas recibirán posteriormente un correo electrónico coa ligazón para conectarse ás sesións.

Para participar, só é preciso dispoñer dun ordenador, tablet ou móbil con cámara, micrófono e acceso a Internet.

Recoméndase conectarse desde un lugar tranquilo para aproveitar mellor a formación.

Para calquera dúbida, as familias poden contactar co equipo técnico a través do correo familias@fademga.org 

Nesta ligazón podes descargar toda a información do Seminario

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.