FADEMGA leva á Fiscalía Xeral do Estado a experiencia galega en accesibilidade cognitiva na xustiza

A xornada puxo en valor o papel da colaboración entre administracións e sociedade civil para garantir un acceso real á xustiza.

FADEMGA leva á Fiscalía Xeral do Estado a experiencia galega en accesibilidade cognitiva na xustiza

FADEMGA Plena inclusión Galicia participou onte na xornada de diálogo “Xustiza fácil de entender”, celebrada na sede da Fiscalía Xeral do Estado, en Madrid.

A federación compartiu a súa experiencia para avanzar cara a unha xustiza máis accesible para todas as persoas, especialmente para aquelas con discapacidade intelectual, nun encontro que reuniu a institucións públicas e organizacións sociais comprometidas coa accesibilidade cognitiva. O acto estivo inaugurado pola Fiscal Xeral do Estado, Teresa Peramato e contou asemade con Jesús Martín, director do Real Padroado sobre Discapacidade e Verónica Ollé, directora xeral para a Eficiencia do Servizo Público de Xustiza do Ministerio de Xustiza, entre outros.

A xornada incluíu diferentes espazos de reflexión e intercambio de experiencias arredor da necesidade de facer máis comprensible o funcionamento da xustiza e a información xurídica. No bloque dedicado a “experiencias de accesibilidade e xustiza en primeira persoa”, à federación presetou o traballo que desenvolve dende hai anos para promover unha comunicación xurídica clara e adaptada.

Nesta sesión participaron Pilar Bernárdez, formadora de acceso á xustiza, e Manuel Seoane, profesional de FADEMGA, quen explicaron iniciativas e prácticas que buscan facilitar que as persoas con discapacidade intelectual comprendan mellor os seus dereitos, os procedementos xudiciais e a información legal que lles afecta. Durante a súa intervención puxeron o foco na importancia de adaptar documentos, linguaxe e procesos para garantir que todas as persoas poidan acceder á xustiza en igualdade de condicións.

Neste sentido, destacaron o papel da accesibilidade cognitiva como ferramenta clave para reducir barreiras e reforzar a autonomía das persoas con discapacidade intelectual. O diálogo contou tamén coa participación de profesionais e representantes de entidades como Plena inclusión e o Centro Español de Accesibilidad Cognitiva (CEACOG), que traballan no impulso de políticas e ferramentas que favorezan unha comunicación máis accesible no ámbito xudicial.

A presenza de FADEMGA Plena inclusión Galicia neste foro pon de relevo o papel das organizacións sociais no impulso de cambios estruturais que permitan avanzar cara a unha xustiza máis inclusiva. O intercambio de experiencias entre administracións públicas e sociedade civil contribúe a identificar boas prácticas e a promover iniciativas que melloren o acceso aos dereitos.

A pesar dos avances realizados nos últimos anos, as persoas participantes coincidiron en que aínda quedan retos importantes por abordar. Con todo, encontros como este evidencian que o traballo conxunto entre institucións e entidades sociais pode favorecer progresos reais.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.