Poñemos en marcha a pilotaxe “Da ocupación á contribución” destinada a transformar os centros ocupacionais
Unha iniciativa dirixida a entidades con centros ocupacionais
FADEMGA Plena inclusión Galicia
15-01-2026FADEMGA Plena inclusión Galicia pon en marcha a pilotaxe “Da ocupación á contribución: transformación de centros ocupacionais”, unha iniciativa dirixida a entidades con centros ocupacionais que traballan con persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento maiores de 45 anos.
Esta pilotaxe nace coa vontade de acompañar aos centros ocupacionais nun proceso de micro-transformación, orientado a avanzar cara a modelos baseados na personalización dos apoios e no enfoque comunitario, favorecendo unha maior participación das persoas e un papel máis activo na súa contorna.
UN CAMBIO NECESARIO
Os centros ocupacionais cumpren un papel fundamental no desenvolvemento das persoas, pero tamén afrontan importantes retos derivados da súa estrutura e da dificultade para ofrecer apoios máis personalizados. Esta pilotaxe propón crear espazos de experimentación a pequena escala, que poidan servir de referencia para futuros procesos de cambio máis amplos.
A QUEN VAI DIRIXIDA
A iniciativa está pensada para centros ocupacionais interesados en mellorar as súas competencias en personalización e traballo comunitario. Cada entidade participante deberá conformar un equipo diverso no que participen profesionais de apoio directo, persoas con discapacidade intelectual, familias e outros axentes da contorna.
METODOLOXÍA E DESENVOLVEMENTO
A pilotaxe desenvolverase a través de sesións virtuais mensuais e dun espazo compartido en liña no que se facilitarán materiais, documentación e gravacións. As entidades participantes contarán co acompañamento dun equipo estatal de persoas expertas en transformación e deberán aplicar, entre sesións, as aprendizaxes no seu propio centro mediante accións concretas de micro-transformación.
O proceso incluirá un calendario de sesións entre marzo e novembro, sempre en horario de 9:30 a 11:00 horas, abordando contidos como a personalización fronte á institucionalización, os bos apoios en comunidade ou as claves da micro-transformación.
INSCRICIÓN E PRAZOS
As entidades interesadas deberán enviar a súa solicitude de participación por correo electrónico a areasocial@fademga.org antes do 30 de xaneiro.
Unha vez pechado o prazo, FADEMGA confirmará as entidades participantes e, no caso de existir máis solicitudes das que pode asumir a pilotaxe, a xunta directiva da Federación será a encargada de realizar a selección.
DOCUMENTOS E LIGAZÓNS
A continuación podes descargar tódala información sobre o desenvolvemento da pilotaxe e acceder á inscrición:
- Información xeral da pilotaxe
DÚBIDAS?
Para máis información podes contactar co equipo de FADEMGA a través do correo areasocial@fademga.org ou no teléfono 981 51 96 50, preguntando por Ángela Rivera González

