FADEMGA e Editorial Fervenza colaboran na adaptación a lectura fácil de novos libros da colección Os Balbinos

A iniciativa garante o acceso á lectura en galego a persoas con dificultades de comprensión lectora

FADEMGA e Editorial Fervenza colaboran na adaptación a lectura fácil de novos libros da colección Os Balbinos

FADEMGA Plena inclusión Galicia vén de colaborar coa Editorial Fervenza na adaptación a lectura fácil da colección Os Balbinos, unha iniciativa que reforza o compromiso co acceso universal á cultura e á información en lingua galega.

Os títulos "Os Balbinos visitan os pazos de Galicia", "Os Balbinos visitan os museos de Galicia" e "A Lúa e a Bal gústalle a música" foron presentados esta semana en Santiago de Compostela, nun acto que puxo en valor o traballo conxunto entre o ámbito editorial e o social para facer a lectura máis accesible a todas as persoas. As obras están dirixidas ao público infantil e xuvenil e contan con textos de Xoán Carlos García Porral e Toño Núñez, e con ilustracións de Gabriel Iglesias Sanmartín.

A colaboración de FADEMGA foi clave no proceso de adaptación dos contidos a lectura fácil, garantindo que os textos cumpran cos criterios de claridade, comprensión e estrutura que permiten que persoas con dificultades de comprensión lectora poidan acceder á información en igualdade de condicións. Este traballo baséase na experiencia acumulada da federación no ámbito da accesibilidade cognitiva e na validación de materiais culturais adaptados.

Dende FADEMGA destacamos que a lectura fácil non simplifica a cultura, senón que a fai máis xusta e compartida e agradecemos que proxectos editoriais consolidados, como a colección dos Balbinos, incorporen dende a súa orixe unha mirada inclusiva.

A LECTURA FÁCIL

A lectura fácil é unha ferramenta recoñecida internacionalmente que beneficia non só ás persoas con discapacidade intelectual, senón tamén a persoas maiores, migrantes, nenos e nenas en proceso de aprendizaxe lectora ou persoas con dificultades de comprensión por distintas causas. A súa aplicación no ámbito editorial supón un avance significativo na democratización do acceso á cultura e ao coñecemento.

Estas novas publicacións da colección Os Balbinos contribúen tamén á difusión do patrimonio cultural de Galicia, achegando contidos sobre pazos, museos e música dende unha perspectiva didáctica, inclusiva e adaptada ás necesidades de distintos públicos lectores.

A edición destes libros foi posible grazas ao apoio da Xunta de Galicia, a través das axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para a produción editorial en lectura fácil en galego, unha liña de subvencións enmarcada na Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, que busca eliminar barreiras cognitivas e garantir o dereito de acceso á cultura para toda a cidadanía.

Fai un comentario

PROTECCIÓN DE DATOS: Regulamento (UE) 2016/679 RGPD e LOPDGDD 3/2018. FADEMGA PLENA INCLUSIÓN GALICIA (FEDERACIÓN GALEGA DE ASOCIACIÓNS EN FAVOR DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE INTELECTUAL OU DO DESENVOLVEMENTO), como responsable do tratamento, tratará os seus datos para promocionar a súa actividade e avaliar a calidade dos seus servizos. Poderá exercitar os dereitos de acceso, rectificación e supresión dos datos, entre outros, tal e como se explica na información adicional que está á súa disposición no apartado de Política de Privacidade.