FADEMGA e a Xunta de Galicia asinan 2 convenios para investimentos así como para programas de igualdade e conciliación
Os acordos permiten financiar actuacións de conservación e equipamento nas entidades federadas así como programas de igualdade e prevención do abuso en centros penitenciarios e de conciliación familiar.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
08-01-2026FADEMGA e a Xunta de Galicia veñen de asinar dous convenios de colaboración para o financiamento de actuacións dirixidas ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e ás súas familias.
O primeiro dos convenios ten como obxecto a concesión directa dunha subvención para a execución dun proxecto de obras de conservación, mantemento e dotación de investimentos destinado ás entidades federadas de FADEMGA que contan con concerto social coa Consellería de Política Social e Igualdade. O orzamento previsto para este proxecto ascende a 750.000 euros, financiados con cargo ao Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, a través dos fondos europeos NextGenerationEU.
Segundo se recolle no convenio, as actuacións subvencionables inclúen obras de conservación e mantemento dos inmobles, a adquisición de mobiliario e bens de equipamento, así como gastos técnicos asociados á redacción de proxectos e á dirección das obras, o que ven a dar resposta ás necesidades de reforma e dotación de equipamentos que teñen moitos destos centros de atención diurna e residencial.
PROGRAMA DE IGUALDADE E PREVENCIÓN DO ABUSO
O segundo acordo asinado entre FADEMGA e a Xunta de Galicia está dirixido ao financiamento do Programa de igualdade e prevención do abuso dentro dos centros penitenciarios e do Programa de conciliación familiar. Para este fin, a Consellería de Política Social e Igualdade achega unha subvención de 55.000 euros.
Este programa de igualdade e prevención do abuso desenvólvese nos centros penitenciarios de A Lama, Bonxe, Monterroso, Pereiro de Aguiar e Teixeiro, e vai dirixido a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento que se atopan cumprindo penas de prisión.
Pola súa banda, o programa de conciliación familiar ten como obxectivo apoiar ás familias mediante actuacións que faciliten a conciliación, incluíndo atención temporal ás persoas con discapacidade e estancias con apoio especializado. Ambos convenios formalizan a colaboración entre a administración autonómica e FADEMGA Plena inclusión Galicia no marco das competencias da Consellería de Política Social e Igualdade e conforme ao establecido na normativa autonómica, estatal e europea en materia de subvencións e servizos sociais.

