FADEMGA debaterá medidas urxentes ante a crise do financiamento dos servizos de discapacidade intelectual
A Federación reúne este venres ás súas entidades en Asemblea Extraordinaria para analizar a crise de financiamento e definir un calendario de accións.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
01-09-2025FADEMGA Plena inclusión Galicia celebrará este venres unha Asemblea Xeral Extraordinaria coas súas entidades federadas para analizar a situación crítica que atravesa o sector da discapacidade intelectual en Galicia a causa da falta de actualización dos prezos do concerto social.
A convocatoria prodúcese nun contexto marcado polo incremento dos custes salariais establecidos no XVI Convenio Colectivo do sector, unido á elevada inflación e ao aumento do salario mínimo interprofesional, que están a poñer en risco a viabilidade económica das entidades e a calidade dos servizos que se prestan a miles de persoas con discapacidade intelectual e ás súas familias. FADEMGA alerta de que as previsións de incremento trasladadas recentemente pola Administración autonómica —cunha suba de entre o 5% e o 7% segundo o tipo de centro— resultan claramente insuficientes para cubrir os custes reais soportados polas organizacións.
Obxectivo da Asemblea
Durante a xuntanza, FADEMGA e as súas entidades socias buscarán acordar un calendario de accións e medidas de presión co fin de esixir á Xunta de Galicia:
• O cumprimento dos compromisos de financiamento do concerto social.
• A revisión urxente dos módulos económicos que se aplican aos servizos.
• A creación dun marco estable que garanta salarios dignos e a sustentabilidade das entidades.
Tal e como subliña o presidente de FADEMGA, Eladio Fernández Pérez: “As entidades non poden continuar asumindo en solitario uns custes desbordados. É responsabilidade da Administración garantir un financiamento suficiente que asegure a continuidade dos servizos e a defensa dos dereitos das persoas con discapacidade intelectual”.
Que é o Concerto Social?
O Concerto Social é un modelo de financiamento público impulsado en Galicia, cuxo propósito é garantir a sustentabilidade económica das entidades sociais que prestan servizos públicos (atención diurna, residencial…) ás persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento e ás súas familias. Este acordo, froito de anos de negociación, representa un avance no recoñecemento do valor do traballo que realizan estas entidades e dos servizos esenciais que proporcionan á comunidade.
FADEMGA Plena inclusión Galicia continuará traballando para defender os dereitos e a estabilidade das nosas entidades federadas, reiterando o noso compromiso coas persoas con discapacidade intelectual e do desenvolvemento e as súas familias.

