FADEMGA celebrará un Encontro de Voluntariado centrado no autocoidado e no acompañamento
.
FADEMGA Plena inclusión Galicia
07-10-2026O próximo 7 de novembro de 2026, FADEMGA Plena inclusión Galicia celebrará en Santiago de Compostela un novo Encontro de Voluntariado, unha xornada destinada a dar voz ás persoas voluntarias, compartir experiencias e reflexionar sobre como favorecer o seu benestar e continuidade.
O encontro desenvolverase no Espazo Eisenman da Cidade da Cultura de Galicia e reunirá persoas voluntarias e entidades que traballan na xestión e dinamización de redes de voluntariado.
Nesta edición, unha das principais cuestións que se abordarán será o autocoidado das persoas voluntarias, achegando ferramentas e estratexias que permitan favorecer o seu benestar e previr situacións de desgaste. Pero o coidado do voluntariado non é só unha responsabilidade individual. Por iso, a xornada servirá tamén para reflexionar sobre o papel das propias entidades no acompañamento, recoñecemento e fidelización das persoas voluntarias.
Compartir experiencias para fortalecer o voluntariado
Ao longo do encontro coñeceranse experiencias de diferentes entidades arredor da xestión do voluntariado: como acompañan ás persoas que colaboran con elas, que estratexias utilizan para favorecer a súa continuidade e que actividades desenvolven xunto a persoas con discapacidade intelectual ou do desenvolvemento.
O obxectivo é crear un espazo de intercambio no que as propias persoas voluntarias poidan expresar a súa experiencia e no que as organizacións poidan compartir aprendizaxes e boas prácticas.
Podes descargar aquí o programa completo.
Recoñecer, coidar e acompañar
Con este encontro, FADEMGA Plena inclusión Galicia quere recoñecer e poñer en valor o labor das persoas voluntarias, ao tempo que promove unha visión do voluntariado baseada non só na participación, senón tamén no coidado, o acompañamento e a creación de vínculos sostibles. Porque contar con persoas voluntarias é importante. Pero crear as condicións para que se sintan acompañadas, recoñecidas e queiran continuar tamén forma parte da responsabilidade das organizacións.
Como participar?
Cubre este formulario. Tes de prazo para facer a inscrición ata o 30 de outubro.
A partir do 2 de novembro confirmaremos as inscricións por correo electrónico.
Participar é gratis, grazas á subvención da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude (financiada co 0,7% do IRPF). Inclúe comida, café e material para a xornada.

